XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica as obras de construción da Escola Infantil de Salgueiriños por máis de 700.000 euros

21/09/2010 Foi un dos asuntos máis destacados dunha sesión da Xunta de Goberno Local na que tamén se tomou conta do convenio polo que o Concello e Institucións Penitenciarias colaboran para que 35 persoas cumpran as súas penas realizado traballos en beneficio da comunidade.

A construción da futura Escola Infantil de Salgueiriños deu un paso máis esta mañá coa adxudicación provisional da obra á empresa Jesús Martínez Álvarez Construcciones, por importe de 724.784,49 euros. Así mesmo, inicíaronse dous expedientes: o destinado á realización de obras de remodelación da área de xogos infantís no barrio das Fontiñas, cunha contía de 127.155,17 euros, e un segundo para a contratación do servizo de conserxería e limpeza nos campos de fútbol de Santa Isabel e Cancelas e nos Polideportivos Pontepedriña e Lorenzo de la Torre desde o 1 de novembro ao 31 de decembro por procedemento negociado sen publicidade, establecéndose un tipo de licitación de 37.426,87 euros.

A Xunta de Goberno Local tamén tomou conta na sesión de hoxe do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Santiago e a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias no que se establece a forma de colaboración entre ambas entidades para o efectivo cumprimento das penas de traballos en beneficio da comunidade.

O convenio contempla 35 prazas para a realización de tarefas de apio a programas de orientación e busca de emprego (5 prazas), tarefas administrativas (3), oficios varios como albanelería (10), mantemento e limpeza de xardíns ou mantemento de dependencias e instalacións. Todas elas coordinadas desde o Centro de Formación Ocupacional de Sanxuás de Aríns.

No ámbito dos convenios, aprouse a sinatura dos correspondentes ás subvencións nominativas do ámbito cultural coas entidades Ateneo de Santiago, Asociación Cultural Barriga Verde, Conservatorio de Música tradicional e Folque, Asociación cultural Cidade Vella, Federación de Libreiros de Galicia, Fundación Rosalía de Castro, Museo do Pobo Galego, Grupo Chévere-Sala Nasa, Asociación Novo Circo e Cabaret Galego, Sala Capitol, Asociación cultural musical Solfa e Asociación do Traxe Galego por un importe global de 151.750 euros.

No apartado de convocatorias, aprobouse a composición da comisión avaliadora da convocatoria de subvencións á realización de actividades de promoción e dinamización comercial, que estará integrada por cinco técnicos municipais así como as bases da convocatoria de subvencións para o fomento do deporte federado por importe total de 236.000 euros. Tamén se deu a luz verde á convocatoria da X Edición dos Premios 25 de Novembro cun orzamento de 2.000 euros.

En canto ás licenzas, concedeuse a Campus Sociedade Cooperativa Limitada de Vivendas autorización para 68 vivendas, locais comerciais, garaxes e rochos nos bloques 1 (R-2), 6, 7 e 8 do Polígono 4 do Plan Parcial de Fontiñas.

Compartir: