TRANSPORTES

Santiago súmase á Semana Europea da Mobilidade con actividades na Praza Roxa e transporte urbano de balde este mércores

20/09/2010 Con motivo da celebración da "SEMANA EUROPEA DA MOBILIDADE", entre os días 16 e 22 de setembro, Santiago quere implicarse, ao igual que en anos anteriores, na promoción de hábitos saudables e máis respectuosos co medio ambiente. O concelleiro de Transportes e Mobilidade, Carlos Nieves, explicou en rolda de prensa as actividades que se van realizar na Praza Roxa este mércores, acompañado do xerente de Tussa, José Ramón Mosquera.

Este ano o lema é "Mobilidade, saúde e seguridade: móvete con intelixencia e vive mellor". Con el preténdese animar aos cidadáns europeos que viven nas áreas urbanas a moverse "con intelixencia": a pé, en bicicleta e en transporte público.

Dende o Concello e TUSSA quérese fomentar estes hábitos, para o que se levarán a cabo as seguintes actividades centradas no mércores día 22:

O propio mércores 22 celebrarase o día sen coche ofrecendo O SERVIZO DE TRANSPORTE URBANO DE XEITO TOTALMENTE GRATUÍTO en todas as liñas (durante toda a xornada), na procura de que as persoas que aínda non coñecen o transporte urbano se animen a subir ao autobús e fagan deste vehículo o seu medio de transporte habitual. Na medida na que se consiga que os cidadáns cambien de hábitos estarase contribuíndo a potenciar unha mellor calidade de vida para todos.

Este mesmo día, entre as 16.30 e as 20.30 horas, as actividades centraranse na PRAZA ROXA, co seguinte programa:

•Xincana, destinada a nenos de entre 4 e 14 anos. Consta dun circuíto de habilidade cunha serie de obstáculos como son o slalom, balancín, portería, paralelas, etc. Trátase de mellorar a habilidade e polo tanto a seguridade en bicicleta, e como non, de promocionar este elemento entre os máis novos mentres se divirten.

•Taller de posta a punto de bicicletas. Con este taller queremos ofrecer a todas as persoas que teñen bicicleta, pero que polas razóns que sexan non a teñen nun estado óptimo para circular, a posibilidade de facerlle unha posta a punto de balde.

•Mesa de información e participación COMBICI. Durante toda a actividade, o persoal de COMBICI atenderá na praza Roxa. As persoas que o desexen poderán facer uso das bicicletas de xeito totalmente gratuíto (só terán que entregar o DNI e poderán facer uso da bicicleta durante 1 hora). Ademais ofrecerase información sobre o servizo, coa posibilidade de que os interesados se dean de alta no momento.
Nesta Mesa ofreceremos información sobre o transporte urbano e tamén sobre os aparcadoiros de borde da cidade, Santa Marta e Salgueiriños.
Entre as persoas que participen na actividade SORTEARASE UNHA BICICLETA E 10 BONOS MENSUAIS DO TRANSPORTE URBANO.

No díptico de información da actividade inclúese un "Decálogo de propostas para unha mobilidade máis segura e saudable", publicado pola organización da Semana Europea da Mobilidade, e que sen dúbida constitúe un relatorio de posibilidades ás que nos debemos "enganchar" se queremos influir de forma positiva na saúde e benestar persoal, mellorarando ademais o medio ambiente e a calidade de vida na nosa cidade.

No marco desta semana, a Concellería presenta tamén un díptico de promoción da bicicleta, co que pretende fomentar, non só o sistema de préstamo, senón a utilización da bici privada. Este díptico distribuirase polos centros escolares, centros socioculturales, universidade e, por suposto, o día 22 no transcurso da actividade.

O Concello aprobou recentemente a contratación do Servizo de Elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), expediente que neste momento está xa na fase de adxudicación. As aportacións do PMUS servirán, de seguro, para promover o desenvolvemento dunha cidade máis segura e saudable.

Compartir: