OBRAS

A rúa República do Salvador ábrese á circulación trala reurbanización do tramo Hórreo-Xeneral Pardiñas

17/09/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou esta mañá a remodelada rúa República do Salvador, no Ensanche compostelán. Fíxoo acompañado do concelleiro de Obras e Infraestruturas, Bernardino Rama, e da concelleira de Tráfico, Marta Álvarez-Santullano, con motivo da apertura da vía ao tráfico.

O arranxo desta rúa, que se fixo con cargo ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Social (FEES 2010), levouse a cabo en dous tramos, Xeneral Pardiñas-Doutor Teixeiro e Doutor Teixeiro-Hórreo, para dificultar o menos posible a circulación. As obras, que contaron cun orzamento de 665.279,94 euros, rematáronse con dous meses de antelación sobre o prazo marcado no contrato.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, quixo agradecer á empresa construtora e tamén ao concelleiro de obras a celeridade coa que se levou a cabo o traballo así como o adianto no prazo e indicou que foi posible grazas a que se puido cortar o tráfico por tramos.

En total, no tramo Xeneral Pardiñas-Hórreo, reurbanizouse unha superficie de 2.053,92 metros cadrados, dos que 1.235,17 se corresponden con beirarrúas e 671,69 con calzada. A carga e descarga ocupa 145,42 metros cadrados.

A reurbanización completouse coa instalación do alumeado e mobiliario urbano: 18 farolas dobres con lámpadas de haloxenuros metálicos, 4 papeleiras de aceiro galvanizado lacado, 28 bolardos e 5 bancos. Como nas restantes rúas do entorno reurbanizadas anteriormente, a República do Salvador conta con illas soterradas para o depósito do lixo. Estas estarán plenamente operativas o luns, xa que faltaba unha peza do mecanismo de apertura. Finalmente, instaláronse 26 árbores ao longo do percorrido. Con esta actuación queda completada a rúa República do Salvador.

Marcha das obras
O alcalde amosouse satisfeito tamén pola marcha das restantes obras da cidade, que siguen ao ritmo marcado. O rexedor sinalou que aínda habendo complicacións, como por exemplo a necesidade de compatibilizar a circulación cos traballos de urbanización en rúas como Galeras ou Vista Alegre, estanse cumprindo os prazos.

Compartir: