PARTICIPACIÓN CIDADÁ

A Casa das Asociacións acolle unha exposición e unhas xornadas que buscan estreitar lazos entre Galicia e Venezuela

15/09/2010 A concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, inaugurará hoxe ás 19.30 horas na Casa das Asociacións de Cornes, as Xornadas Interculturais Venezuela-Galicia", que se completan coa a exposición "Unha ollada á arte indíxena venezolana".

As xornadas comezarán este mesmo mércores as 19.30 h; a segunda sesión terá lugar o xoves á mesma hora e a última celebrarasre o venres ás 17.00 horas. A exposición permanecerá na Casa das Asociacións de Cornes ata o día 23.

Tanto a exposición como as xornadas buscan afondar nos conceptos de interculturalidade, diálogo intercultural, alianza de civilizacións, diversidade cultural, etnografía, etnometodoloxía, sociodiversidade, etc, e propóñense clarificar a tese de que "a etnografía de Venezuela é parte da etnografía de Galicia", a partir da intensa interacción que existiu dende hai décadas entre España e Venezuela debido á emigración. Tamén se presta atención ó labor educativo e social de numerosos educadores, misioneiros e relixiosos galegos que seguen en territorios de difícil acceso e situación no escenario xeográfico venezolano.

A exposición
"Unha Ollada á Arte Indíxena Venezolana", constitúe o traballo final dun proxecto da investigadora e doutora en Educación Isabel Elena Peleteiro, tutelado polo catedrático de Pedagoxía Social da USC, Jose Antonio Caride Gómez, e pola catedrática de Educación Infantil da Universidade da Coruña, Concepción Sánchez Blanco.

Con ela quérense mostrar máis de duascentas pezas de artesanía indíxena, recolectadas cos estudantes da Universidade Pedagóxica Experimental de Venezuela en Caracas e que representa o quefacer cotiá de diversas comunidades indíxenas: os E´ñepa (Caicara del Orinoco), os Pemón (Estado Bolívar), os Yanomami (Estado Amazonas) ou os Guarao do Delta do Orinoco (Estado Delta Amacuro).

Así mesmo, preséntanse mapas e pendóns dos diversos traballos de campo dirixidos pola investigadora Isabel Peleteiro, que tamén é a comisaria da exposición. Na inauguración da mesma estará o artista plástico e profesor de arte Jonhathan López, orixinario da etnia Wayuu (Guajira Venezolana), do que se recolle unha mostra da súa obra en vidro.

Documentos relacionados



Compartir: