CULTURA

Trinta concertos conformarán a próxima temporada da Real Filharmonía no Auditorio de Galicia

15/09/2010 O presidente do Consorcio e alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentaron a estación de concertos 2010/2011 da Real Filharmonía no Auditorio compostelán, acompañado por Socorro García Conde, concelleira de Cultura do Concello de Santiago; Antoni Ros Marbà, director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia; Xosé Manuel Villanueva Prieto, xerente do Consorcio de Santiago; Paulo Rodríguez, director xerente do Auditorio de Galicia e Oriol Roch, director técnico da Real Filharmonía de Galicia. Nesta temporada Antoni Ros Marbà compartirá o escenarios con máis de corenta directores e solistas invitados.

Xa está todo listo para a próxima temporada de concertos da Real Filharmonía no Auditorio de Galicia, que terá inicio o próximo 24 de setembro. Pola sala compostelá pasarán, ademais de Antoni Ros Marbà como director artístico e titular, Maximino Zumalave, como director asociado, e Paul Daniel, como principal director invitado, unha representación dos mellores directores e solistas do panorama actual. En total serán 30 concertos, nos que soarán preto dun cento de pezas musicais.

Como directores invitados chegarán a Santiago, entre outros, Jonathan Webb (para o concerto inaugural), Juanjo Mena, David Afkham (gañador en 2008 do premio Donatella Flick de directores), Christoph König, Santiago Serrate, Manuel Hernández Silva, Antoni Witt, Johannes Debus e Carlos Miguel Prieto. Tamén o público poderá gozar con solistas como os cellistas Enrico Dindo e Daniel Müller-Schott; os violinistas Amaury Coeytaux, Arabella Steinbacher, Carolin Widman e Patricia Kopatchinskaja; os pianistas Lars Vogt, Joanna MacGregor, Ilona Timchenko, Benedetto Lupo e os irmáns Víctor e Luis del Valle; o viola Roberto Díaz; o trompa David Fernández e o trompeta Hakan Hardenberger. Un caso especial será Frank Peter Zimmermann, que, logo do éxito do ano pasado, repetirá concerto coa Filharmonía, pero nesta ocasión no dobre papel de director e solista, cunha selección de pezas para violín de Bach. Tamén chegarán ao Auditorio de Galicia, como orquestras invitadas, a Orquestra Sinfónica de Navarra, a Sinfónica do Principado de Asturias, a Orquestra Sinfónica do Porto Casa da Música e a Sinfónica de Galicia. Canto a voces, acompañarán á orquestra santiaguesa os Coros de RTVE, o da Fundación Príncipe de Asturias, e o Orfeón Pamplonés, así como as sopranos Marisol Montalvo, Julia Sophie Wagner e Mojca Erdman. Cómpre destacar o papel de solistas que terán algúns dos membros da propia Filharmonía, como os violinistas James Dahlgren, Gregori Nodobora, Ildiko Oltai, Nikolai Velikov ou a oboísta Christina Dominik.

Como nas dúas últimas edicións, o ciclo de abono inclúe tres recitais de piano con Alice Sara Ott, Arcadi Volodos e Aldo Ciccolini, que conforman o Ciclo de Piano Ángel Brage,

Os concertos
O concerto inaugural terá lugar o 24 de setembro, no Auditorio de Galicia con Jonathan Webb como director, quen dirixirá a Misa da Coroación de Mozart. O concerto, que se organiza en colaboración con La Caixa, contará coa presenza do Coro da Fundación Príncipe de Asturias e doutros coros populares, formados por afeccionados ao canto, seleccionados especificamente para esta ocasión.

Xa en outubro será a quenda de Ros Marbà, quen dirixirá a súa orquestra acompañado polo cellista italiano Enrico Dindo, que poñerá música ao Concerto para cello núm. 1 de Saint Saens. Con este repertorio a Real Filharmonía realizará unha xira española por Pamplona (14 e 15 de outubro) e Valladolid (21 e 22 de outubro), enmarcada no ciclo Orquestras do Camiño.

En decembro, a Filharmonía levará a escena A voz humana, de Poulenc, coa soprano Marisol Montalvo e a dirección escénica de Ana Vallés, de Matarile Teatro. Neste mesmo concerto estrearase o Concerto para violín de Octavio Vázquez. Ás portas do Nadal, o Auditorio de Galicia acollerá a Misa núm. 3 de Bruckner, con Ros Marbá como director e o Orfeón Pamplonés. O concerto enmárcase no ciclo Xacobeo Classics.

O tradicional Concerto de Reis, con Paul Daniel como director, servirá de inauguración ao 2011. Xa en febreiro será o momento de Frank Peter Zimmermann, quen repite, pero nesta ocasión como solista e director nun mesmo concerto. Tamén en febreiro, coincidindo co 15 aniversario do nacemento da Real Filharmonía de Galicia programáronse dous concertos, dirixidos por Helmut Rilling, director titular da orquestra santiaguesa entre 1996 e 2000, e Antoni Ros Marbá, director titular dende 2000.

En marzo, e logo do grande éxito de crítica e público obtido o ano pasado, a Real Filharmonía volverá a Bilbao para participar no ciclo Música-Musika, esta vez cun monográfico Mozart. Tamén neste mes estrearase unha nova obra de Arriola, pianista e compositor galego cuxa figura musical ven de ser recuperada polo Consorcio de Santiago e o Consello da Cultura Galega a raíz do descubrimento dunhas partituras inéditas.

O ciclo de abono rematará en maio, co Concerto para violín de Sibelius, nas mans de Patricia Kopatchinskaja e a Sinfonía do Novo Mundo de Dvorák.

Estreas
Enmarcadas no compromiso permanente da Real Filharmonía cos compositores galegos, a temporada contempla estreas mundiais de novas obras, como é o caso do Concerto para violín de Octavio Vázquez, as Fanfarrias Xacobeas de Juan Durán ou unha obra de encargo da Asociación Española de Orquestras Sinfónicas ao compositor Fernando Buide del Real.

Concertos didácticos e ensaios abertos
Como ven sendo costume nos últimos anos, a Real Filharmonía continuará coas súas sesións pedagóxicas, grazas as cales, máis de 7.000 escolares galegos aproxímanse dun xeito didáctico á música e aos instrumentos. Tamén, continuando unha iniciativa iniciada hai dúas temporadas, diferentes ensaios xerais dos concertos serán de acceso libre para todas aquelas persoas e colectivos que así o desexen.

Venda de abonos
Como todos os anos, o Auditorio de Galicia ofrece catro modalidades de abono para asistir aos diferentes concertos da temporada, ademais do abono especial para estudantes e xubilados, que supón un aforro do 50%. Tamén se mantén a modalidade de abono colectivo para asociacións culturais e veciñais, escolas de música públicas e centros educativos públicos. A renovación de abonos poderase realizar entre os días 15, 16 e 17 de setembro. A venda de novos abonos será os días 20, 21 e 22 de setembro.

Á marxe dos abonos, o prezo dos concertos oscilan entre os 10 e os 14 euros, dependendo do programa, cun 50% de desconto para estudantes e xubilados.

Compartir: