EDUCACIÓN

A concelleira de Educación visita varios centros educativos da cidade no comezo do curso escolar

10/09/2010 O FEIL aportou máis de medio millón de euros para realizar actuacións de mellora en 16 centros de infantil e primaria.
As clases do curso escolar 2010-2011 comezaron hoxe con 3.740 alumnos matriculados nos centros de primaria da cidade.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, visitou esta mañá varios dos dezaseis centros da rede educativa de ensinanza infantil e primaria da cidade que nos últimos meses foron obxecto de diferentes obras de adecuación, mellora e rehabilitación con cargo ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sostenibilidade Local executado polo Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela.

Entre outros, Rosón supervisou as actuacións realizadas nos centros de Fontiñas e Monte dos Postes. En Fontiñas, a concelleira e o director do centro recibiron as explicacións do responsable de obras da Xefatura provincial da Consellería de Educación e puideron comprobar o bo ritmo das obras de substitución da cuberta acristalada do patio interior do centro de educación infantil.

En Monte dos Postes aproveitou para ver marcha das obras de acondicionamento que fai o Concello e recibiu a preocupación da dirección do centro a respecto das obras que debe facer a Consellería. Rosón trasladoulle ao director a información recibida polo técnico da Consellería de que se van executar.

En total, o orzamento destinado a estas obras de mellora ascende a case 570.000 euros máis IVE, repartidos en diferentes actuacións nos CEIP Roxos Villestro, Rodríguez Xixirei, Monte dos Postes, Pío XII, Arquitecto Casas Novoa-A Sionlla, López Ferreiro, Vite e Raíña Fabiola, Apóstolo Santiago, Fontiñas e Lamas de Abade; e as escolas Infantís de Conxo, Fontiñas, Gaioso-Eixo, Rial-Laraño e Rural Bispo Teodomiro (Marrozos).

Compartir: