MEDIO AMBIENTE

Publícase a lista de agarda dos novos usuarios para as hortas de Belvís

09/09/2010 Neste momento hai varias hortas sen usuario polo que unha vez elaborada a lista definitiva procederase ao sorteo para adxudicalas. A lista de agarda pode consultarse na paxina web do Concello www.santiagodecompostela.gal. A concelleira de Medio Ambiente amosa a súa satisfacción coa experiencia das hortas municipais, na medida en que se avanzou na consecución dos obxectivos previstos e que teñen grande demanda

Desde hoxe pode consultarse a lista de agarda de posibles novos usuarios das hortas de Belvís, iniciativa da concellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel, que dirixe Elvira Cienfuegos. Na relación aparecen os admitidos nos diferentes grupos que contempla a Ordenanza Reguladora: grupos de veciños e veciñas do barrio e contorna que estean xubilados ou prexubilados; persoas xubiladas ou prexubiladas que non son do barrio; veciños e veciñas do barrio e contorna que non están prexubilados nin xubilados; así como persoas de outros barrios da cidade.

Ademais, tamén aparece o listado de persoas excluídas en cada grupo por non cumprir algún dos prazos establecidos nas bases reguladoras. Todos eles teñen de prazo ata o vindeiro 16 de setembro para formular as reclamacións que consideren oportunas, que terán que entregarse no Rexistro Municipal achegando a documentación xustificante de dita reclamación. Como neste momento hai hortas sen usuarios adxudicados, unha vez estea pechada a lista definitiva procederase ao sorteo para adxudicar esas hortas a estes novos usuarios. A data do sorteo comunicarase nos vindeiros días

Lembramos que en Maio de 2008 o BOP daba conta da aprobación definitiva da Ordenanza reguladora do uso de hortas municipais, que establecía en dous anos o período de autorización de uso, período prorrogable a petición da persoa autorizada por dous anos máis e tamén que o 19 de Xuño do mesmo ano púñanse as parcelas a disposición das persoas ás que se lles autorizaba o seu uso, e dado que se chegou á data de remate do período de autorización, procedía abrir a opción de prórroga para quen estivese interesado en continuar así como simultaneamente, abrir o proceso de novas solicitudes que poderán acceder ás parcelas que queden dispoñíbeis ou ficar en lista de agarda. Ese listado é o que agora publicamos.

Un espazo de convivio
Desde o ano 2008, cando comezou esta experiencia pioneira en Galicia, a maioría das hortas de Belvís están a ser constantemente traballadas. Nelas hai agora unha gran variedade de plantas comestíbeis, ademais de aromáticas e ornamentais. A concelleira do Medio Ambiente mostrou a súa satisfacción porque "a sensación que predomina entre os e as adxudicatarias é tamén de satisfacción, na medida en que se avanzou na consecución dos obxectivos previstos: contribuír á diversificación dos aproveitamentos dos parques, posibilitar neles usos tradicionais, contribuír á posta en valor da agricultura ecolóxica, aumentar a valoración do consumo de alimentos sans e de calidade, fomentar entre a veciñanza unha ocupación saudábel para o tempo de lecer e favorecer a convivencia interxeracional e a troca de coñecementos e experiencias".

As hortas municipais de Santiago tamén serviron de referencia para outros concellos de Galicia e de fóra dela, que se interesaron polo seu funcionamento e, en ocasións, viñeron visitalas. Tamén a Escola de Arquitectura da Coruña e a Universidade de Vigo se teñen interesados polas hortas.

Documentos relacionados



Compartir: