MEDIO AMBIENTE

A Semana Cultural de Conxo acollerá este sábado un roteiro medioambiental polo barrio

09/09/2010 Todos aqueles que queiran anotarse aínda están a tempo e poden facelo no propio CSC de Conxo ou na concellaría de Medio Ambiente. A saída do roteiro será ás 11.00h desde o Centro Sociocultural de Conxo

A concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel, Elvira Cienfuegos, presentou esta mañá o Roteiro Medioambiental de Conxo que se fará este sábado pola mañá no marco da Semana Cultural do Barrio. Así, xunto a ela estaban Xulio Noya, director do Centro Sociocultural de Conxo e Luis Matos, presidente da Asociación de Veciños Doutor Maceira de Conxo e representando tamén ao Clube de Sendeirismo Vía Láctea.

Este roteiro, que ten unha distancia de 5.9 quilómetros e está catalogado cunha dificultade media-baixa, e que non é accesible para persoas con discapacidade, terá como punto de partida o propio Centro Sociocultural. A cita é o sábado 11 ás 11.00h e todos aqueles que se animen aínda están a tempo de anotarse no CSC ou nas oficinas da concellaría de Medio Ambiente.

A concelleira destacou do roteiro que dá unha visión diferente da cidade, e, ademais de ser un percorrido medioambiental, tamén o é pola historia de Compostela xa que pasa por zonas de grande relevancia arqueolóxica. O director do CSC lembrou que ademais de estar dirixido a toda a cidadanía, era unha moi boa oportunidade para que os novos veciños do barrio, que medrou considerablemente nos últimos anos, coñeceran zonas que de seguro lle sorprenderían. Luis Matos, pola súa banda, agradeceu á concellaría a súa sensibilidade e entusiasmo no apoio ao barrio e ao seu patrimonio ambiental e destacou a riqueza arqueolóxica e da fauna e flora da zona que se percorría.

Percorrido do Roteiro
Parte, como dixemos, desde o CSC de Conxo e lévanos seguindo as augas do Sar. Nada máis sair, a primeira parada relevante é o Mosteiro de Santa María que conserva o claustro románico da época da súa fundación, no século XII, e que desde o 1993 alberga o Hospital Psiquiátrico. Continuase bordeando o Mosteiro e pásase pola aldea de Nogueira, onde se conservan boas mostras da arquitectura tradicional, como algúns hórreos. A ruta continua paralela á vía do AVE e á AP-9 para volver cruzarse co río Sar e seguir a continuación pola antiga vía férrea de Santiago e Vigo pasando polo interior do primeiro túnel do ferrocarril construído en Galicia e que ten uns 200 metros de lonxitude.

Continua o roteiro pasando polas aldeas de Rial e Poza Real e descendendo ata volver atoparse co Sar. Cruzase o seu leito e camiñase a carón da escasa vexetación da ribeira que aínda se conserva e alí poderemos ver o bosque de ribeira formado por árbores como os ameneiros, freixos e salgueiros. Continua o percorrido ata as ruínas dun antigo muíño de auga que se conservan xusto baixo a ponte (viaduto) da Rocha. Onde se aproveita para falar dos muíños. Un pouco máis adiante o Sar recibe como afluente ao río Vilar que apenas a 200 metros de distancia pasa a carón do asentamento do Castelo da Rocha, o que nos permite falar desta Fortaleza que foi destruída no século XV pola Revolta Irmandiña. Este castelo é testemuña de gran parte da historia medieval de Compostela.

O camiño condúcenos seguindo as beiras do Sar, que por aquí discorre mainamente ata o lugar de O Chouchiños desde onde regresamos ao inicio do itinerario seguindo o Camiño Portugués a Santiago. Neste tramo irase camiñando baixo a sombra dunha pequena mancha de bosque autóctono onde dominan os carballos que aínda se conservan no entramado de infraestruturas que discorren polo barrio de Conxo. Situado moi preto de aquí están os petroglifos que ocupan unha rocha por riba do Castriño de Conxo. Desde aquí o percorrido continua polo Camiño Portugués pasando pola aldea de Torrente ata que chegamos ao punto de inicio do noso percorrido no CSC de Conxo.

Compartir: