EMPREGO

A Feira do Emprego contará con dúas conferencias sobre a importancia do desenvolvemento persoal

25/08/2010 O desenvolvemento persoal é un dos temas que se analizará na I Feira do Emprego de Santiago de Compostela, organizada pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. No evento, que se celebrará o 7 e 8 de outubro no Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apio á Empresa (Cersia), situado en San Lázaro, están previstas dúas conferencias que teñen como obxectivo mellorar o autocoñecemento a través dunha análise do/a individuo/a, do entorno, e dos seus impactos.

As conferencias son gratuitas, e en ámbolos dous casos, os contidos, de carácter teórico, mostraranse a través dun enfoque participativo. O primeiro relatorio, Quen es realmente?, está previsto para o xoves, día 7, das 17:00 ás 17:45 horas. Será impartido por Felipe García Rey, coach formado por destacados profesionais a nivel internacional e con máis de 14 anos de experiencia. Traballarase o autocoñecemento e incidirase no desenvolvemento da marca persoal, como unha das claves para venderse mellor nun mercado cada vez máis competitivo.

A segunda conferencia, O segredo do teu éxito es ti mesmo, está prevista para o venres, día 8, das 10:00 ás 10:45 horas. Impartiraa Faustino Sánchez Guido, licenciado en Económicas pola Universidade Complutense de Madrid. Entre as persoas asistentes realizaranse exercicios prácticos, co obxectivo de que cada participante analice ideas e estratexias para desenvolver un plan de acción que lle permita acadar con éxito uns obxectivos. As persoas interesadas en asistir a algunha das actividades previstas poden apuntarse no banner Conferencias e obradoiros. Infórmate e inscríbete, que se atopa na web www.feiradoempregosantiago.org.

A I Feira do Emprego de Santiago de Compostela, na que colaboran as entidades que integran o Pacto Local polo Emprego, ten como finalidade servir de punto de encontro entre as empresas ofertantes de emprego e as persoas demandantes de postos de traballo. Preténdese así facer posible un intercambio de información, contribuír a un mellor coñecemento do mercado laboral por parte de todos os axentes implicados e, en definitiva, facilitar os procesos de inserción laboral.

A Feira está dirixida a persoas desempregadas ou que procuren unha mellora do emprego, e a empresas que precisen incorporar persoal. As persoas e entidades interesadas en participar, poden informarse e inscribirse no espazo web da feira www.feiradoempregosantiago.org, ao que tamén se accede a través da páxina web da Concellaría de Promoción Económica e Emprego www.maiscompostela.org. A participación é gratuíta.

Compartir: