CULTURA

O Festival dos Abrazos trae máis curtametraxes e novas propostas musicais

25/08/2010 Sempre pendentes das modificacións propiciadas polo tempo, a xornada do xoves 26 chega novamente cargada de actividades no Festival dos Abrazos. A música e as curtametraxes son as principais protagonistas do programa do día.

A xornada abrirase, se o tempo o permite, co concerto de Dr.Gringo, previsto para as 20:30 horas, na rúa de Tras Salomé. Este trío compostelán estreouse nos escenarios en 2008 e dende entón non teñen deixado de tocar, sorprendendo ao público co seu potente directo. Nesta ocasión presentarán o seu primeiro álbum oficial, gravado con Miña Terra Galega Produccións, un rock´n´roll directo e contundente. Xusto antes desta actuación terá lugar o concerto en clave de pedra, metal e balcón do grupo artístico Batbirulau.

Para as 21:00 horas está programada a actuación do DJ Rober na praza das Praterías, unha proposta actual que fai un percorrido polo pop-rock indie, desde a última vangarda ata os máis recentes clásicos do xénero. Como en anteriores ocasións, a sesión de DJ precederá a unha sesión de Curtocircuíto, prevista para as 22:30 horas no mesmo lugar. Baixo a denominación Volta ao mundo proxectaranse nove curtametraxes froito da selección das mellores producións do último ano no panorama cinematográfico internacional.

E a última proposta musical do día virá da man de Xacobe Martínez Cuarteto que, ás 22:30 horas, na rúa de San Paio de Antealtares, ofrecerá unha sesión de jazz que tamén lle dará lugar á interacción, á creación colectiva e mesmo á improvisación. Xacobe Martínez Antelo é un inquedo contrabaixista compostelán que leva máis de 20 anos nos escenarios.

Compartir: