XUNTA DE GOBERNO

Todo listo para o comezo das obras de reposición de beirarrúas

24/08/2010 A Xunta de Goberno elevou a definitiva a adxudicación das obras de reposición de beirarrúas do Concello. Tamén materia de contratación, iniciouse a contratación da reforma do campo de fútbol de Belvís.

Este contrato de obras de reposición de beirarrúas é o terceiro que se pon en marcha dos previstos para acometer aquelas necesidades máis urxentes nas rúas compostelás. Xa iniciados os de asfaltado tanto nas vías urbanas como no rural, estas obras poderán comezar tamén en setembro e permitirán substituír as lousas daquelas beirarrúas en peor estado. Destínase unha partida de algo máis de 500.000 euros para estas obras, 408.000 euros neste exercicio e outros 102.000 no seguinte.

O Goberno local deu tamén o visto bo ao proxecto de reforma do campo de fútbol de Belvís, incluído na iniciativa Urbana Santiago Norte. Ábrese o proceso de contratación das obras, cun orzamento de licitación de 159.619 euros (IVE incluído).

Igualmente no marco do Urbana, iniciouse o expediente de contratación a través da petición directa de ofertas do servizo de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, ao non terse presentado ofertas no procedemento aberto. O tipo de licitación é de 712.069 euros (IVE incluído).

En materia de contratación, tamén se acordou prorrogar ata o 31 de agosto o contrato para a creación, equipamento e desenvolvemento de infraestruturas de innovación e desenvolvemento tecnolóxico da sala de pantallas da Policía Local, incluído no FEESL 2010. Finalmente, autorizouse a ampliación do prazo do contrato de execución da obras de construción dun pavillón polideportivo en Fontiñas ata o 30 de setembro.

Documentos relacionados



Compartir: