MEDIO AMBIENTE

Remata o prazo para solicitar axudas ás plantacións forestais nos montes de Santiago

23/08/2010 O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publicou na súa edición do 28 de xullo as Bases para o outorgamento de subvencións para plantacións forestais en montes do Concello de Santiago, polas que se destinan 8.000 euros para contribuír a sufragar as plantacións forestais por particulares e asociacións realizadas durante o ano 2010.

O prazo para a presentación de solicitudes acaba o venres 27 de agosto. Poden solicitar as axudas as asociacións veciñais e particulares de Santiago que sexan propietarias, arrendatarias ou usufrutuarias de terreos que cumpran cos requisitos e obrigas que marca a lexislación vixente. Todas as solicitudes terán que ser entregadas no Rexistro municipal do Concello.

A Concellaría do Medio Ambiente destina a estas subvencións ata 8.000 euros, aboando ata un máximo de 900 euros a cada particular sempre e cando o montante global das axudas non supere a cantidade total dos 8.000 euros.

Especies subvencionadas

As especies subvencionadas son o carballo, o bidueiro, o castiñeiro, a nogueira, a cerdeira, o ameneiro e o carballo americano. A contía subvencionada é de 3 euros por planta autóctona e de 1,5 euros no caso do carballo americano. Serán plantas de como mínimo 50 centímetros de altura e deberán poñerse en parcelas de cando menos 500 metros cadrados de extensión, respectando as distancias mínimas e as densidades de plantación especificadas nas bases.

As bases desta convocatoria poderanse recoller na Sección de Medio Ambiente do Concello de Santiago de Compostela (teléfono 981 543 147); na Oficina de Atención ao Cidadán (teléfono 981 543 128), nesta páxina web ou en www.compostelaviva.org.

Compartir: