PROMOCIÓN ECONÓMICA

A eurodiputada irlandesa Marian Harkin asistirá ao seminario internacional sobre coidadores familiares

20/08/2010 A eurodiputada irlandesa Marian Harkin participará na presentación das políticas europeas destinadas ás persoas coidadoras no marco do seminario internacional do proxecto Coidadores Familiares, que se celebrará o 16 e 17 de setembro en Santiago de Compostela. Este proxecto, pertencente ao programa europeo Leonardo da Vinci, está integrado por sete entidades, pertencentes a seis países: a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo do Concello de Santiago; Caring of Carers de Irlanda; INTEGRA PLUS de Bélxica; ADMR de Franza; Academia de Formación de Eslovaquia; o Instituto para o Desenvolvemento e a Formación de Córsega; e a Escola de Formación de Italia.

Neste encontro está previsto presentar as conclusións do proxecto Coidadores Familiares, que ten como obxectivo establecer un protocolo común a nivel comunitario que acredite profesionalmente aos/ás coidadores/as familiares que, de xeito informal, estiveron coidando a outra persoa. Unha credencial profesional común a toda a Unión Europea facilitará a incorporación ao mercado laboral dun colectivo con expectativas de inserción difícil, no que a maioría de integrantes son mulleres, moitas delas maiores. Ademais, esta credencial axudará a cubrir a demanda que existe nun sector en plena expansión como é a axuda a domicilio ou os servizos ás persoas, con candidatas/os axeitadas/os que contan con experiencia.

A Concellería de Promoción Económica, encargada do plan de comunicación do proxecto, elaborou a páxina web www.aidantsfamiliaux.com, dispoñible en cinco idiomas (castelán, inglés, francés, italiano e eslovaco), e á que se pode acceder dende www.maiscompostela.org. Nela contextualízanse, descríbense e enuméranse os obxectivos de Coidadores Familiares, e ofrécese información de todos os integrantes do programa. Todas as entidades que participan no proxecto foron seleccionadas pola experiencia e/ou resultados acadados neste eido. A Concellaría, que foi convidada a sumarse á iniciativa polo socio principal, o Instituto para o Desenvolvemento e a Formación de Córsega, formou e está formando a coidadores/as familiares a través do Proxecto Persoa III e do Persoa IV, que se está desenvolvendo actualmente no marco do Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela.

Marian Harkin
Nacida o 26 de novembro de 1953 na cidade irlandesa de Sligo, está integrada no Grupo da Alianza dos Demócratas e Liberais por Europa. No Parlamento de Strasburgo é membro da Comisión de Emprego e Asuntos Sociais, con competencias sobre o Fondo Social Europeo e en políticas de emprego e políticas sociais, como condicións de traballo, protección social, formación profesional, e políticas relacionadas con discriminacións no mercado laboral. Tamén é membro da Delegación para as Relacións cos Estados Unidos.

Diploma Superior en Pedagoxía (1978), exerceu de profesora entre 1977 e 2002. Entre 2002 e 2007 foi diputada no Parlamento Nacional Irlandés, e entre 1992 e 1998, membro do Instituto Nacional de Estatística de Irlanda. Desde o ano 2004, Marian Harkin é diputada europea, destacando polo seu traballo en temas como o voluntariado e coidadores.

Compartir: