ALCALDÍA

O Concello expresa a súa repulsa a que se manteña aberto o debate sobre Medicina

20/08/2010 A alcaldesa en funcións, Mar Martín, e a concelleira de Educación, Mercedes Rosón, compareceron en rolda de prensa para manifestar a repulsa do Concello de Santiago "á inseguridade que supón manter aberto o debate en torno á Facultade de Medicina, un debate ficticio e xustificado só por intereses localistas de determinadas persoas". Expresaban así o seu rexeitamento ás declaracións efectuadas na xornada anterior polo conselleiro de Educación, Xesús Vázquez.

"Non podemos permitir que se fragmente a Facultade de Medicina, nin podemos seguir banalizando a educación dos futuros médicos", indicou Mar Martín, para quen as declaracións do conselleiro non fan outra cousa que "botar leña ao lume". "Nunca nos negamos a que as prácticas se realicen noutros hospitais, e apoiamos que os recursos do SERGAS se poñan a disposición para este cometido, pero o que non se pode é fragmentar Medicina", engadiu.

Insistiu Mar Martín na "inseguridade administrativa, académica e mesmo xurídica" que provoca este tema, para reiterar que "Facultade de Medicina só hai unha e a titulación só pode ser unha". Por iso, esixiu que "se peche dunha vez por todas este debate" e advertiu de que "non nos podemos estar cuestionando indefinidamente cantas facultades de medicina vai haber en Galicia porque o país non ten recursos para permitirse algo así".

Recordou a concelleira de Educación, Mercedes Rosón, que no Pleno municipal do mes de marzo se aprobara un documento no que "todos os grupos da Corporación manifestaron o seu apoio e posta en valor da Facultade de Medicina".

As dúas concelleiras engadiron por último que o posicionamento do Concello de Santiago neste asunto non responde a localismos senón, pola contra é unha loita pola calidade do ensino que pretende potenciar unha formación sanitaria de primeira liña na comunidade. Segundo Mar Martín "segregar Medicina anularía o sentido do Campus da Saúde, un proxecto gabado e premiado, que pretende agrupar é impulsar as ciencias da saúde nun so campus especializado e punteiro que converta a Galicia nunha referencia dentro do Estado".

Transporte comarcal
Noutra orde de cousas e a propósito dalgunha información xornalística sobre a presunta responsabilidade do Concello de Santiago na non posta en marcha do transporte comarcal, Mar Martín indicou que "iso non é certo" e remitiuse á comunicación enviada polo alcalde ao director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, con data de entrada do 15 de xullo de 2010, na que se lle comunica que na Xunta de Goberno do 13 de xullo se aprobou o texto do convenio entre o Concello e a Xunta para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano na área de Santiago. Nese escrito ponse á súa disposición para asinar o acordo na data que considere oportuna.

"Nós estamos á espera de que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas nos poña unha data para asinar o convenio", indicou a edil. Nese escrito, Sánchez Bugallo maniféstalle tamén ao director xeral, a dispoñibilidade do Concello "para prestar o servizo a partir do mes de setembro, coa salvedade referida ás novas canceladoras, que loxicamente estarían operativas no momento que nos sexan subministradas e instaladas".

Compartir: