OBRAS

Máis de 42.000 metros cadrados de aglomerado para renovar o firme das vías

20/08/2010 A noite do luns 23 comezarán as obras de reposición do firme nas vías municipais, coas actuacións previstas no Hórreo, en Ramón Piñeiro e no Restollal. Esta primeira fase das obras desenvolverase do 23 ao 27 de agosto, sempre pola noite, para afectar o menos posible ao tráfico, segundo indicou o concelleiro de Obras e Infraestruturas, Bernardino Rama.

A previsión é que a primeira fase destas obras de fresado e aglomerado rematen na noite do venres 27 ao sábado 28. Nestas cinco noites traballarase en horario de 22:00 a 8.00 horas. Neste período estará prohibido circular e estacionar nestas rúas. Haberá efectivos da Policía Local e persoal de obra en cada unha destas actuacións. Nos días previos informarase sobre as prohibicións de estacionar en cada zona.

En setembro continuarase con máis actuacións, entre as que figurará, entre outras, a da rúa París, en Fontiñas. Proba da dimensión destas obras de reposición do firme é que está previsto que se empreguen 42.400 metros cadrados de aglomerado, apuntou o concelleiro.

Algunhas destas obras realizaranse nunha única noite, mentres que outras, como as do tramo do Restollal, Paxonal e Amor Ruibal realizaranse en varias noites, debido ao número de carrís e lonxitude dos mesmos. O plan de actuacións tamén inclúe obras de día, pero neste caso será en rúas nas que a afectación do tráfico non sexa significativa.

Plan de actuacións
As obras arrincarán o luns 23 coa reposición do firme no Hórreo, dende a avenida de Lugo ata a praza de Galicia. Tamén este día se acometerá o fresado de Ramón Piñeiro e o fresado e aglomerado da rúa do Restollal.

Na noite seguinte, o martes 24, rematarase co aglomerado de Ramón Piñeiro e culminarase a actuación no Restollal, iniciando tamén o fresado en Amor Ruibal. Ademais, nesta xornada nocturna acometerase o fresado dun tramo de Xoán XXIII e da rúa Xazmíns.

O mércores 25 porase o novo aglomerado no Paxonal e seguirase fresando en Amor Ruibal. Esta noite culminaranse as obras de Xoán XXIII e de Xazmíns e, a maiores, realizarase reporase o firme na praza da Paz.

Xa para o xoves 26 queda o remate das actuacións en Amor Ruibal e na praza da Paz, coa colocación do novo aglomerado. Ademais, iniciarase a obra en San Caetano, dende a praza da Paz á praza de España, cos labores de fresado.

Finalmente, o venres 27, rematarse a actuación de San Caetano e, por tramos, reporase o firme do cruce do Castiñeiriño.

Compartir: