CULTURA

Póñense á venda os abonos para a undécima edición do Ciclo de Lied de Santiago

19/08/2010 O venres 20 de agosto póñense á venda no servizo telefónico de billeteira de Caixa Galicia (teléfono 902 434 443) os abonos para a décimo primeira edición do Ciclo de Lied de Santiago de Compostela, que se desenvolverá na cidade durante o mes de setembro.

O abono para os catro concertos ten un prezo de 15 euros e os billetes soltos para cada un dos concertos poderán adquirirse a partir do 9 de setembro a 6 euros. Tanto os billetes como os abonos tamén se poderán adquirir na billeteira do Teatro Principal a partir do 9 de setembro.

Este ciclo, organizado pola Concellaría de Cultura e a Asociación Galega da Lírica, confirma a súa sólida presenza no panorama musical galego cunha nova edición, a décimo primeira, na que volve presentar un máis que interesante cartel de cantantes. Tres deles preséntanse por primeira vez en Santiago, como é o caso de Carolina Ullrich, Angelika Kirchschlager e Alek Schrader, regresando ao ciclo un dos cantantes que mellor impresión deixou en anteriores edicións, o tenor inglés John Mark Ainsley.

Se os poemas tivesen ás... o lied (Músicos e poetas 2)
Como cada ano o ciclo cínxese a unha temática xeral para os catro concertos coa que presenta diversos eidos, facianas e visións do xénero liederístico. Baixo o título Se os poemas tivesen ás... o lied (Músicos e poetas 2), o ciclo compostelán regresa a un tema primordial para entender o lied: a íntima relación entre a música e a poesía, entre o compositor e os seus poetas. Protagonista de excepción dende a súa terceira edición é o pianista inglés Roger Vignoles, espléndido e sensible artista benquerido do público compostelán e codirector deste certame que acompañará os concertos destes catro cantantes de indubidable categoría e gran personalidade.

O concerto inaugural do martes 14 de setembro será unha magnífica oportunidade de coñecer a unha cantante de carreira en ascenso como é Carolina Ullrich. A soprano chilena debuta en Galicia con este recital que comeza explorando unha desas íntimas relacións entre un músico e un poeta, entre Schubert e Goethe; o variado programa segue cunha selección de cancións de Brahms para, na segunda parte, chegar á canción francesa de Poulenc (o ciclo Fiancailles pour rire sobre poemas de Louise de Vilmorin) e Hahn e rematar con cancións de Obradors.

John Mark Ainsley voltará a Compostela o venres 17 de setembro, sendo xa un vello coñecido do público compostelán e que tan boas lembranzas deixou nas súas dúas participacións no Ciclo de Lied. O programa céntrase na figura do poeta Víctor Hugo, a través das cancións de Fauré, Godard, Bizet, Saint-Saëns, Liszt, Hahn e mesmo inclúe a estrea dun novo ciclo do compositor francés Thierry Escaich en primicia mundial.

Como fito a destacar cabe resaltar que, o martes 21 de setembro, unha das grandes figuras da lírica dos nosos días, a mezzo austríaca Angelika Kirchschlager actuará en Compostela. O seu programa divídese en dúas partes, a primeira dedicada a un dos grandes mestres do lied de todos os tempos, o austríaco Hugo Wolf, repasando a dous dos seus poetas: Mörike e Keller; na segunda, o protagonismo recae en Richard Strauss cunha coidada selección dos seus lieder e un amplo mostrario da súa inspiración poética. Este concerto conta co patrocinio da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

A clausura, o martes 28 de setembro, servirá tamén como debut en Galicia do tenor norteamericano Alek Shrader. O novo tenor natural de Ohio dedica a primeira parte do seu programa ao poeta Joseph von Eichendorff e a dous compositores tan senlleiros para o xénero como Hugo Wolf e Robert Schumann. Na segunda poden atoparse cancións de Duparc e Rossini e os Sonetos de Petrarca, de Franz Liszt.

Compartir: