EMPREGO

O Boletín Máiscompostela alcanza o número 75 con máis de 12.000 ofertas publicadas

18/08/2010 O Boletín de ofertas de emprego Máiscompostela da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, saca á rúa o seu número 75. Dende que se comezou a editar, o 15 de outubro de 2009, leva publicadas máis de 12.000 ofertas de emprego (véñense publicando unhas 170 ofertas en cada número).

Con este boletín, enmarcado no Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela, Promoción Económica cobre unha demanda que existe neste momento: mellorar as expectativas de empregabilidade das persoas que buscan traballo, orientándoas no coñecemento da realidade laboral. O obxectivo desta publicación é achegar as persoas demandantes de emprego ao mundo laboral, facilitándolles o contacto coas empresas e institucións que ofrecen traballo e distintas accións formativas. Para acadar esta finalidade, realízase unha selección de ofertas de emprego de distintos organismos e entidades de carácter público de Galicia e do resto do Estado, que se difunden a través da prensa escrita, portais de emprego e publicacións oficiais.

O Boletín de ofertas de emprego Máiscompostela, que actúa como unha ferramenta do Servizo Local de Emprego, pódese descargar da páxina web da Concellaría de Promoción e Emprego: www.maiscompostela.org. Cunha tirada de mil exemplares, distribúese de balde en lugares de alta afluencia de persoas: centros de saúde, oficinas de emprego, servizos administrativos, universidade, centros socioculturais, oficinas municipais de información á cidadanía, bibliotecas, etc. Impreso a unha soa tinta, sae á rúa todos os martes e xoves da semana, exceptuando os meses de verán, nos que se edita só un exemplar semanal.

No móbil durante o verán
Dende o 15 de xullo e ata o 30 de setembro, coincidindo coas vacacións estivais, a publicación tamén se pode descargar a través do teléfono móbil.

A estrutura do aplicativo de descargas MobiGuíaseste basease na versión en papel do boletín, pero coa posibilidade de que ás persoas usuarias poidan chamar directamente aos números de teléfono incluídos na publicación, con só calcar enriba deles. Pensado para que poida ser utilizado por unhas cinco mil persoas á vez, conta con tres sistemas de distribución (popup web, número longo e BIDI) que permiten descargalo en máis de mil modelos de terminais (móbiles, pda, blackberry, iphone, etc.). A partires de que se descarga o aplicativo, os datos de contacto quedan rexistrados para o envío automático dos seguintes boletíns.

Compartir: