EMPREGO

Medio centenar de persoas participarán en dous obradoiros de coaching laboral no marco da I Feira do Emprego

17/08/2010 O coaching laboral é un dos temas que se analizará na I Feira do Emprego de Santiago de Compostela, organizada pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, e que se celebrará o 7 e 8 de outubro no Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apio á Empresa (Cersia), situado en San Lázaro.

Están previstos dous obradoiros que teñen como obxectivo mellorar as capacidades estratéxicas implicadas na busca, localización, inserción ou mellora laboral. As persoas interesadas poden apuntarse no banner Conferencias e obradoiros. Infórmate e inscríbete, que se atopa na web www.feiradoempregosantiago.org.

Os dous obradoiros, gratuítos e de 25 prazas cada un, serán impartidos por Nelly Rey de Re e Teresa Hernández, especialistas en coaching, socias fundadoras e codirectoras da empresa IDENTIA. O primeiro está previsto que se desenvolva o xoves 7 de outubro, de catro a oito da tarde. Baixo o título Unha persoa non sabe do que é capaz ata que o intenta, ten como obxectivo a mellora as capacidades estratéxicas implicadas na busca, localización, inserción ou mellora laboral. Desenvolverase combinando a exposición de contidos dun xeito dinámico e participativo co desenvolvemento de actividades e técnicas grupais de coaching. Ten como finalidade axudar ás persoas participantes a coñecerse a si mesmos, coñecer o entorno, manexar as emocións, a conduta e os pensamentos, establecer e acadar metas, mellorar a comunicación, desenvolver a capacidade de adaptación e xeración de alternativas, tomar decisións e resolver conflitos, xestionar o tempo e optimizar recursos e automotivarse.

O segundo obradoiro, Dá os teus primeiros pasos con fe: non é necesario que vexas toda a escaleira, só da o primeiro paso, céntrase nas persoas en situación especialmente complexa, co obxectivo de que recuperen ou atopen as súas motivacións e avancen na busca de emprego. Son contidos son similares ao anterior, só que adaptado ás características especiais do colectivo, incidindo na súa motivación e na ruptura da autopercepción de fracaso.

A I Feira do Emprego de Santiago de Compostela, na que colaboran as entidades que integran o Pacto Local polo Emprego, ten como finalidade servir de punto de encontro entre as empresas ofertantes de emprego e as persoas demandantes de postos de traballo. Preténdese así posiblitar un intercambio de información, contribuir a un mellor coñecemento do mercado laboral por parte de todos os axentes implicados e, en definitiva, facilitar os procesos de inserción laboral.

A feira está dirixida a persoas desempregadas ou que procuren unha mellora do emprego, e a empresas que precisen incorporar persoal. As persoas e entidades interesadas en participar, poden informarse e inscribirse no espazo web da feira www.feiradoempregosantiago.org, ao que tamén se accede a través da páxina web da Concellaría de Promoción Económica e Emprego www.maiscompostela.org. A participación é gratuíta.

Compartir: