CULTURA

Nova xornada de estilos musicais e conversas no Festival dos Abrazos

17/08/2010 Compostela acolle o mércores 18 unha xornada máis do Festival dos Abrazos, unha iniciativa organizada pola Concellaría de Cultura. O programa inclúe novas propostas musicais, cine e teatro.

O Festival dos Abrazos ofrece unha nova oportunidade de conversar con Quico Cadaval, nesta ocasión entre as 16:00 e as 21:00 horas no escaparate de Ámboa, na rúa Nova. Trátase dun conversatorio de teatro mínimo no que o falador dedicará nove minutos a cada espectador. Esta conversación poderá ser vista, pero non escoitada polo público casual que pase polo lugar, xa que Cadaval garante o segredo sobre a conversa pero o cliente é libre de difundilo... ou deformalo. No seu anterior espectáculo, hai uns días na rúa das Orfas, numeroso público quedou sorprendido pola posta en escena e foron moitas as persoas que quixeron conversar co artista e gozar duns minutos de protagonismo no escenario.

Ás 20:00 horas actuará no xardín de Fonseca a gran innovadora e virtuosa do komungo Jin Hi Kim, considerada a principal difusora na cultura occidental do son deste tipo de instrumento de corda coreano. No seu currículo figuran concertos no Carnegie Halle, no Lincoln Center de Nova York ou no Royal Albert Hall de Londres, entre outros moitos. O seu traballo é un claro exemplo de como romper as fronteiras entre tradición e modernidade.

Xa ás 20:30 horas terá lugar o concerto do trío afincado en Compostela Turnes-Legido-García Trío, que interpretará unha música sen complexos, dinámica e enérxica, na que se cominan o flamenco, harmonías con aires de jazz, un ritmo contundente e moita improvisación.

A partir das 22:00 horas, na ruela de Xerusalén, comezarán as proxeccións de Palestina Sempre Presente, un ciclo audiovisual que, enmarcado no Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal, se une ao Festival dos Abrazos co obxectivo de abrir unha fiestra á realidade de Palestina. Neste día amosaranse tres curtametraxes palestinas coñecidas como Swesh, swesh; My palestine e Make a wish.

A xornada finalizará coa actuación de Ultranoite NASA+Dr.Gringo. O primeiro será un espectáculo concibido baixo un xénero mutante que conta coa participación de varias ducias de artistas convocados polo Grupo Chévere e que busca en todo momento a complicidade do espectador. Pola súa banda, Dr.Gringo presentará o seu primeiro álbum oficial, con temas propios, no que practica un rock´n´roll directo e contundente que non deixará indiferente ao público. Os amantes destes xéneros teñen unha cita a partir das 22:30 horas na praza de Cervantes.

Compartir: