CULTURA

Música tradicional e rock "serie B" noutra xornada do Festival dos Abrazos

15/08/2010 Música tradicional ou un estilo de rock "serie B" serán as ofertas musicais para o domingo 15 en Compostela no marco dunha nova xornada do Festival dos Abrazos, unha iniciativa organizada pola Concellaría de Cultura.

Chega a Compostela a música máis tradicional da man da Banda de Música de Merza, a agrupación popular máis antiga de Galicia, que interpretará un intenso repertorio a partir das 20:30 horas no paseo da Alameda. O programa inclúe tamén outra nova actuación dentro dos Abrazos OFF, trátase da proposta singular e innovadora que presenta o grupo Ataque Escampe. Rock de "serie B" e en galego, que chegará ás 21:30 horas ao público na praza de Cervantes. Os Abrazos OFF ten como obxectivo abrir o festival ás propostas da cidadanía, que foron seleccionadas en función da súa calidade, a súa adecuación ao festival e a súa singularidade.

Xornada do luns 16
A xornada do luns 16 comezará ás 20:00 horas coa actuación de Boneca Lareta no paseo da Alameda. Con seu espectáculo, titulado A familia Nolfini, os cómicos do Camiño, espallarán na cidade maxia da música e do circo/clown dende o alto duns zancos e buscarán en todo momento o humor e complicidade do público. Ás 20:30 horas, na praza dos Gatos, terá lugar o concerto de estilo folk de Xoán Curiel Cuarteto, que interpretará as pezas recollidas no seu álbum Nai, no que canta á figura da nai e a Terra. Comparten espazo as súas letras e músicas cunha mirada dende Galicia, cunha marcada influencia do espírito da fusión, a través dos ritmos do mundo.

Na rúa Tras Salomé actuará a partir das 21:00 h O coro da Rá, unha formación residente da escola de música Estudio de Santiago. Destaca este coro porque o seu repertorio afástase do tradicional neste tipo de formacións e busca composicións de música moderna, dende o soul, blues, jazz e rock ata a música étnica. É unha oportunidade única para gozar de 45 voces mixtas movidas por unha paixón común: cantar xuntas.

A axenda do día complétase co cuarteto Tangata, que actuará ás 22:00 horas na praza de San Martiño Pinario, e co Xacobe Martínez Cuarteto, que iniciará o seu concerto ás 22:30 horas na praza de Salvador Parga. O primeiro conxunto musical interpretará tangos e milongas cunha concepción puramente instrumental, nunha liña que ofrece elaboradas versións dos máis destacados creadores do xénero. Pola súa banda, Xacobe Martínez Cuarteto amosará na súa posta en escena unha entrega apaixonada ao jazz, á improvisación, á interacción, á creación colectiva... en definitiva, á música.

Compartir: