NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Parten cara Sarreaus (Ourense) os participantes en "AnimaLingua"

13/08/2010 O vindeiro luns, 16 de agosto, ás 9.30 horas, os 30 participantes no campamento de verán AnimaLingua, partirán dende a dársena de autobuses de Xoán XXIII rumbo ao Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso", en Sarreaus (Ourense). A concelleira de Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez, estará alí para despedir aos rapaces e rapazas, e para conversar cos pais e monitores.

Esta edición do campamento AnimaLingua, que un ano máis tivo unha gran demanda, desenvolverase do 16 ao 28 de agosto no Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso", en Sarreaus (Ourense). Durante os 13 días, os rapaces e rapazas, de entre 8 e 11 anos, poderán participar en diversas actividades, que teñen como obxectivo que os nenos e nenas se expresen en galego ao tempo que coñecen o medio rural. Este campamento está repleto de actividades de granxa, horta e invernadoiros, forno, talleres, excursións e moitos xogos.

Os participantes farán percorridos en bicicleta e de orientación; coñecerán as especies que cultivan, os apeiros de labranza necesarios e os coidados que precisa a horta. estes labores complementaranse con obradoiros de artesanía, creación artística e transformación de alimentos. Todas as actividades traballaranse cun contido lingüístico e con reflexión sociolingüística, coa finalidade de remover atrancos e de superar prexuízos.

Compartir: