CULTURA

O Festival dos Abrazos trae a arriscada proposta de Modulok Trío e o rock alternativo de Tapiporla

13/08/2010 O Festival dos Abrazos segue o seu curso. Na xornada do sábado 14, vez para unha das propostas do Abrazos OFF, da man da banda Modulok Trío. E para a noite, rock alternativo con Tapiporla.

A xornada ábrese na praza de Mazarelos, escenario a partir das 21:00 horas da actuación da banda Modulok Trío, unha proposta musical nacida en Galicia e traballada en Madrid. Este é un dos tres proxectos artísticos incluídos nos Abrazos OFF, unha sección composta por espectáculos elixidos de entre as propostas feitas polos propios artistas. O obxectivo é ser un escaparate das propostas máis arriscadas e novidosas do tecido creativo compostelán e galego. Grazas a esta iniciativa, veciños e visitantes poderán gozar da mestura da música e o audiovisual desta formación.

Para as 22:00 horas está previsto no paseo da Alameda o concerto do grupo rock alternativo compostelán Tapiporla, un grupo que ten labrado o seu son propio en concertos en diversas salas e pubs galegos.

Un programa para o espectáculo
Do 9 ao 29 de agosto a cidade acolle máis de 80 actividades, dende pequenas intervencións ata grandes espectáculos, no marco dun programa que xunta as máis diversas propostas culturais galegas e internacionais no eido da música, as artes escénicas, o circo, o audiovisual, as performances e as artes plásticas.

O Festival dos Abrazos chega á súa terceira edición convertido xa nunha cita de referencia no verán de Compostela, tanto para os veciños e veciñas da cidade como para os visitantes que nestes días se achegan á cidade. Diferentes culturas, artistas e estilos abrázanse neste festival provocando sorpresas inesperadas e experiencias irrepetibles nas que o público ten a oportunidade non só de ver, senón tamén de participar.

Colaboracións
O Festival dos Abrazos, organizado pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da S.A. de Xestión do Xacobeo, e do Consorcio de Santiago. Colaboran con esta iniciativa a Asociación Cultural Cidade Vella, que organiza a programación de Feito a Man, integrada no Festival dos Abrazos; a Concellaría de Medio Ambiente; Curtocircuíto; o Festival de Cine Árabe Amal; e a Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da USC.

Compartir: