NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Aberto o prazo de inscrición para o obradoiro ambiental "Falando en verde"

18/08/2010 Os días 1, 2, 3, 6, 7, 8 e 9 de setembro celebrarase na Casa das Asociacións de Cornes (Conxo), unha nova edición do obradoiro ambiental Falando en verde, organizado pola Concellaría de Normalización Lingüística. Está dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos.

Este obradoiro, que se desenvolverá en horario de 9:00 a 13:00 horas, quere promover o emprego do galego á vez que se achegan coñecementos sobre o contorno natural da cidade e o medio ambiente en xeral. É tamén unha oportunidade para concienciar aos máis pequenos sobre a conservación da natureza dun éxito lúdico e didáctico.

Entre as actividades previstas nesta edición están as de creación oral sobre os animais galegos, con realización de diaporamas sobre animais galegos, mediante a creación de contos e historias, performances, adaptacións gráficas sobre patrimonio etnográfico oral recollido polos propios rapaces, etc. Este diaporama poderá ser substituído por outras clases de creación: pequenas obras de teatro, composicións musicais, cantares de cego ou pequenas regueifas.

Os rapaces tamén recibirán nocións sobre os utensilios e soportes da comunicación, dende os gravados rupestres ata os aparellos electrónicos. Poderán fabricar canas de escritura, mediante retallado de canaveiras e bambú. Outra actividade prevista é un obradoiro de encadernación artesanal polo método do encolado.

Seguindo cos animais, os participantes sairán ao contorno inmediato para recoñecer pegadas, rastros, restos e sons de animais. Farán moldes en arxila das pegadas dos animais e caretas de especies galegas.

Xestión de residuos, cogomelos e o son de Compostela
A conservación do medio ambiente será outro dos eixes de Falando en verde. Por un lado, daráselles aos rapaces unha breve explicación sobre a xestión dos residuos, e experimentarán con xoguetes sen baterías, a partir de envases reutilizados e material de papelería. Polo outro, concienciaranse sobre a importancia da auga como recurso vital. Verán o vídeo "Contagotas" sobre o manexo e aforro da auga e, a través dunha maqueta, asistirán á demostración de como funciona unha estación depuradora de augas residuais.

Os fungos e os cogomelos serán tamén protagonistas dalgunha das sesións. Os nenos e nenas realizarán pequenos sacos para o cultivo de Pleurotus ostreatus e participarán en xogos cooperativos.

Finalmente, está prevista unha charla coloquio sobre o son da natureza en Compostela, apoiada por unha presentación informática e reprodución de diversos sons. Isto complementarase cunha saída, que permitirá confeccionar un mapa de ruídos do barrio, empregando sonómetros dixitais e mapas da zona. Os rapaces tamén fabricarán chifres de cana.

Os interesados poden inscribirse, ata o 31 de agosto, no Rexistro Xeral do Concello (rúa Salvador Allende, 4 – baixo) ou no Rexistro do CSC das Fontiñas.

Máis información:
Departamento de Lingua Galega
Casa do Concello. Avenida de Raxoi – 1º andar)
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 54 24 09 Fax: 981 54 24 10
Correo-e: dlg@santiagodecompostela.gal

Compartir: