ALCALDÍA

As obras máis complexas de reforzo do firme das vías da cidade realizaranse durante a noite nos últimos días de agosto

11/08/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anticipou que as obras de reforzo do firme naquelas rúas de máis complexidade se realizarán durante as noites entre o 22 e o 31 de agosto. Coa adxudicación definitiva deste contrato, poderán acometerse de inmediato actuacións en tramos como o que vai dende a rotonda do Castiñeiriño ata Pontepedriña, Hórreo, Xoán XXIII ou San Caetano.

Sánchez Bugallo apuntou que nestas rúas se vai a quitar o asfalto novo e a substituír por un novo. Este labor "intentarase facer pola noite". En especial, destacou a complexidade da obra no tramo entre a rotonda do Castiñeiriño e Pontepedriña, pola súa lonxitude e amplitude. O obxectivo é que nestas o asfaltado destas rúas máis complicadas estea rematado ao 1 de setembro, para acometer logo o resto de obras de mantemento do firme nas demais zonas da cidade.

Recordou tamén que nas xuntas de goberno do 24 ou do 31 de agosto está previsto que se adxudiquen as obras de mantemento de beirarrúas, contrato este para o que se presentaron 28 empresas. Ademais, xa se vén executando o de reparación das vías do rural. En total, indicou o alcalde, "son máis de 3,6 millóns de euros, a cifra máis grande dedicada a este fin nos últimos anos".

Facendo repaso das demais obras previstas para este exercicio na cidade, dixo que "unicamente queda algunha por contratar, das que a máis significativa é a da escola infantil de Salgueiriños, que espero se poida adxudicar provisionalmente nunha destas xuntas de goberno". Con isto, anticipou que "o nivel de execución nesta anualidade probablemente estea en torno ao 90%".

En referencia ás obras nos accesos á cidade, a previsión é que as tres poidan estar rematadas o 30 de novembro. Unha xa está terminada, a da avenida de Castelao, e as outras dúas –Rosalía de Castro-Choupana-Volta do Castro e Galeras-Salvadas-Vista Alegre- marchan "a moi bo ritmo", dixo.

Xa no tocante ás obras do Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local (FEESL 2010), a estimación é que todas, salvo unha, estean concluídas no prazo previsto, antes de rematar o ano. A única actuación para a que se pedirá a prórroga de tres meses será para a do centro cívico de Santa Marta, obra que aínda non comezou.

Finalmente, falou da dificultade que entrañan algunhas obras do Casco Histórico, como a de San Clemente. Neste caso continuarase cos traballos na parte que non afecta á fonte descuberta e, no entorno desta "os tempos non os determinamos nós, senón os arqueólogos", apuntou. "O que está cada vez máis claro é que haberá que deixar a fonte ao aire e visitable, polo que haberá que buscar unha solución para a accesibilidade dos veciños da rúa Raxoi", engadiu. Tamén se referiu á complexidade da cobra da obra do Cruceiro do Gaio.

Igualmente no Casco Histórico, lembrou o labor de mantemento que, baixo a coordinación do Consorcio, se realiza diariamente en rúas e prazas e que cualificou como "imprescindible" e "imposible de parar". Así, aludiu aos "importantes destrozos" que no pavimento causan os camións de subministro ou os palcos e camións aparellados ás diferentes actividade".

Orzamentos
Outro dos asuntos aos que se referiu o alcalde na súa última rolda de prensa antes de marchar de vacacións foi o dos orzamentos, aprobados definitivamente no Pleno extraordinario do día anterior. Recordou que "non aportaban ningún elemento novidoso", xa que as grandes liñas das contas xa se viñan executando a raíz da prórroga orzamentaria de xaneiro, e o único crédito contemplado, de 4,2 millóns de euros para financiar a parte municipal do convenio de travesías, xa se aprobara en marzo.

Vacacións do 12 ao 21 de agosto
O alcalde estará de vacacións entre o 12 e o 21 de agosto. Neste período, Socorro García Conde exercerá de alcaldesa en funcións entre o 12 e o 15, e Mar Martín entre o 16 e o 21.

Compartir: