CULTURA

O Festival dos Abrazos trae máis música, un documental e unha singular proposta teatral

10/08/2010 O Festival dos Abrazos alcanza a súa terceira xornada, desta vez cunha singular proposta teatral de Quico Cadaval e coa máis diversa programación musical. Tamén se proxectará un documental sobre Palestina.

O programa do mércores 11 ábrese coa representación de Quico Cadaval, un conversatorio de teatro mínimo no que o falador dedicará nove minutos a cada espectador. Esta conversación poderá ser vista pero non escoitada polo público casual que pase polo lugar, xa que Cadaval garante o segredo sobre a conversa, pero o cliente é libre de difundilo... ou deformalo. Entre as 16:00 e as 21:00 horas, todas as persoas que desexen ter una conversa con Quico Cadaval poderán pasar polo escaparate de Florentino, na rúa das Orfas, un espazo singular para o teatro.

Para as 20:00 horas está prevista no xardín de Fonseca a actuación do Kora Jazz Trío, que ofrecerá un espectáculo no que mestura o jazz coa tradición africana. Será un concerto de fusión e de encontro entre a tradición mandinga e a liberdade do jazz; a combinación da kira coas percusións de África occidental e o swing afro-americano; e o diálogo entre a cultura griot e a blue note. Tamén actuará de novo o músico Bidinte, pero nesta ocasión será ás 20:30 horas na praza de Feixóo a onde se trasladarán os ritmos de Guinea Bissau nunha actuación musical impregnada de cores doutras procedencias, dun sutil subliñado flamenco, con aires de ida e volta, pero profundamente guineana.

A partir das 22:00 horas, na Ruela de Xerusalén, darán comezo as proxeccións de Palestina Sempre Presente, un ciclo audiovisual que, enmarcado no Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal, se une ao Festival dos Abrazos co obxectivo de abrir unha fiestra á realidade de Palestina. Neste día amosarase o documental Chekpoint Rock: canciones desde Palestina, unha viaxe por un dos lugares sobre o que o mundo ten sempre posta a súa mirada pero do que se descoñece case todo.

De novo Kike Suárez y la Desbandada ofrecerán unha actuación de rock de autor. Esta vez será ás 22:30 horas na praza de Cervantes e acompañados por Tony Lomba&Elio dos Santos, os príncipes da música lixeira, que regresan aos escenarios cando o pop queda sen referentes. Temas clásicos destes autores soarán xunto aos seus novos hits, saídos da imaxinación delirante dun grupo indefinible.

Compartir: