PLENO

Visto bo definitivo a uns orzamentos que priorizan os servizos sociais e o emprego

10/08/2010 Nunha sesión extraordinaria, o Pleno municipal aprobou definitivamente o orzamento e o cadro de persoal do Concello para o ano 2010, unha vez estudadas e rexeitadas as dúas únicas alegacións presentadas no prazo de exposición pública.

A concelleira de Facenda, Rosa Fernández, explicou as principais características dos orzamentos, cifrados nuns ingresos de 104.902.782,46 euros e uns gastos de 104.004.251,29 euros. Cómpre recordar que os orzamentos consolidados, incluíndo tamén as contas de Auditorio de Galicia, INCOLSA, TUSSA E EMUVISSA, quedan fixados en 120.178.138,39 euros de ingresos e 119.279.607,22 euros de gastos, rexistrándose un lixeiro superávit.

Recordando algúns dos principios destes orzamentos, a concelleira indicou que estes formulan unha baixada en gastos correntes non financeiros do 11, 6%. Esta redución concrétase na baixada do 4,21% do capítulo I; na consolidación da retención cautelar xa realizada en xaneiro no capítulo II, ata alcanzar unha redución global do 9,11%; e na redución do 8,34% do capítulo IV, que inclúe as subvencións nominativas e non nominativas así como as achegas a outros entes (Auditorio, Incolsa).

"Non se tocaron neste apartado as subvencións a entidades sociais e de emprego nin a achega ao transporte público, aínda que o resto sufriu unha baixada media do 15%", apuntou Rosa Fernández. "No apartado dos investimentos –engadiu- recóllense máis de 20 millóns de euros destinados a este fin que reforzan a política inversora do Concello como xeradora de emprego".

Compartir: