CULTURA

Música de diversos estilos na segunda xornada do Festival dos Abrazos

09/08/2010 Compostela acolle xa unha nova edición do Festival dos Abrazos, organizado pola Concellaría de Cultura. A segunda xornada do evento traerá música dos máis diversos estilos: autor, clásica mesturada con electrónica, fusión galego-brasileira, guineana e rock.

Unha nova xornada do Festival dos Abrazos, o martes 10, dará comezo ás 20:00 horas coa actuación na praza da Oliveira do dúo de zanfonas Sobre rodas, que ofrece unha nova proposta de interpretación musical popular e de autor, fundindo as zanfonas e as voces para interpretar un amplo repertorio de cego. A partir das 20:30 horas, o músico Bidinte achegará ata a Vía Sacra os ritmos da Guinea Bissau nunha actuación musical impregnada de cores doutras procedencias, dun sutil subliñado flamenco, con aires de ida e volta, pero profundamente guineana.

A praza de San Martiño Pinario será o escenario a partir das 21:30 horas do espectáculo Collapsed, a cargo de Pablo Coello, Diego Ventoso e Angel Faraldo, unha actuación que incorpora a electrónica na música clásica contemporánea. Este espectáculo está deseñado a partir da convivencia e diálogo de varias fontes sonoras: os sons produtos da síntese da electrónica e os sons orgánicos de dúas naturezas acústicas diferentes, o sopro e a percusión. O programa inclúe a estrea de Estudo sobre o Feedback, de Ángel Faraldo, unha exploración das resonancias dos instrumentos acústicos e a súa realimentación a través da electrónica.

Ás 22:30 horas, na Porta da Música do Parque de Bonaval, representarase un proxecto singular único: Brasileg@s, unha produción musical liderada por Uxía, Fred Martins e Sérgio Tannus que conta no seu espectáculo cunha banda mixta galego-brasileira que fará real a fusión total entre a alma galega e a brasileira. Baixo o nome Travesía da saudade, ofrecerá un espectáculo no que se funden os máis diversos xéneros musicais – samba, choro, alalá, rumba e baião – e no que a zanfona galega e o cavaquinho brasileiro dan o ton desa integración nun repertorio que inclúe composicións propias e clásicos da música galega e brasileira.

A xornada do martes pecharase ás 22:30 horas na rúa de Tras Salomé da man de Kike Suárez y la Desbandada, unha actuación de rock de autor, que morde do chotis e a rumba, de forte poso emocional, con especial fincapé nas intensidades e un cálido alento do blues.

Ademais, durante todo o mes estará aberta na Zona C, de 10:00 a 20:00 horas, a exposición da artista Nuria Ruibal, que baixo o nome O ser humano ante a mirada do outro, ofrece unha colección de traballos no que se fala da vulnerabilidade do ser humano e o seu eu máis íntimo, así como das barreiras das que dispón para defenderse e relacionarse co mundo exterior.

Un programa para o espectáculo
Do 9 ao 29 de agosto a cidade acollerá máis de 80 actividades, dende pequenas intervencións ata grandes espectáculos, no marco dun programa que xunta as máis diversas propostas culturais galegas e internacionais no eido da música, as artes escénicas, o circo, o audiovisual, as performances e as artes plásticas.

O Festival dos Abrazos chega á súa terceira edición convertido xa nunha cita de referencia no verán de Compostela, tanto para os veciños e veciñas da cidade como para os visitantes que nestes días se achegan á cidade. Diferentes culturas, artistas e estilos abrázanse neste festival provocando sorpresas inesperadas e experiencias irrepetibles nas que o público terá a oportunidade non só de ver, senón tamén de participar.

O Festival dos Abrazos, organizado pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da S.A. de Xestión do Xacobeo, e do Consorcio de Santiago. Colaboran con esta iniciativa a Asociación Cultural Cidade Vella, que organiza a programación de Feito a Man, integrada no Festival dos Abrazos; a Concellaría de Medio Ambiente; Curtocircuíto; o Festival de Cine Árabe Amal; e a Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da USC.

Compartir: