EMPREGO

O Servizo de Apoio á Empresa atendeu 750 consultas nos sete primeiros meses de 2010

09/08/2010 O Servizo de Apoio á Empresa da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo atendeu 750 consultas nos sete primeiros meses de 2010, procedentes de 402 usuarios/as, do que un 52% son mulleres.

O SAE pon a disposición das persoas emprendedoras, empresas e comercios, medios humanos e materiais para axudalos no desenvolvemento, consolidación e crecemento dos seus negocios. Aproximadamente un 50% das consultas eran para demandar información sobre subvencións para un proxecto empresarial. Outro 30% solicitaron orientación sobre varios aspectos relacionados coa constitución dunha empresa: trámites de constitución, formas xurídicas, asesoramento no Plan de empresa, etc. Un 10% foron consultas xenéricas, orientativas. O 10% restante eran dúbidas acerca de aspectos concretos de convocatorias.

O Servizo de Apoio á Empresa está localizado na rúa do Hórreo, número 100. Pódese contactar co SAE a través do teléfono 981 568 752 ou do correo sae@santiagodecompostela.gal. Este servizo, do que se pode obter máis información na páxina web de Promoción Económica, www.maiscompostela.org, cobre as diferentes etapas polas que pasa unha empresa, dende que aínda é un proxecto ata que xa está consolidada, coa prestación de servizos de información, orientación e asesoramento, formación, e intermediación laboral. Cada unha destas etapas conta con ferramentas propias e intégrase en programas adaptados ás necesidades que en cada momento presenta a empresa, a persoa emprendedora ou o empresariado.

Hai un Servizo de Apoio ao Emprendemento, e un programa específico de apoio á creación de empresas, denominado Compostela Activa. Para aquelas persoas que teñen unha idea de negocio, pero non dispoñen de medios para materializala, organiza o Concurso de novas ideas empresariais, que en 2010 conta cun orzamento de 24.000 euros, cos que se premiarán seis proxectos empresarias. Presentáronse 22 proxectos. O 68% deles son promovidos por mulleres.

Para axudar a que se consoliden as empresas de recente creación, convoca unha liña de incentivos, á que este ano se destinan 60.000 euros. A esta convocatoria, denominada Axudas para a creación de novas empresas, presentáronse 50 novos negocios, o 52% deles promovidos por mulleres.
E para as persoas interesadas en desenvolver un proxecto empresarial nos vindeiros anos e ás que acaban de montar un negocio, organiza a Xornada Emprende en Compostela, na que participan distintas organizacións vinculadas ao emprendemento e ao desenvolvemento do emprego en Santiago. Á quinta edición, celebrada o 18 de maio no Pazo de Congresos, asistiron máis de 300 persoas.

Compartir: