COMERCIO

Lote de complementos para ordenador de sobremesa, Percheiro e Posta a punto, produtos gañadores de "Volta ao cole"

06/08/2010 Lote de complementos para ordenador de sobremesa, Percheiro. Colección 2010 Senegalia, e Posta a punto, son os tres produtos premiados no Concurso catálogo de promoción comercial Volta ao cole, que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo.

O programa Volta ao cole, destinado a todos os establecementos comerciais de Santiago de Compostela, ten como obxectivos potenciar as compras nos comercios da cidade durante o outono; promover a adaptación dos establecementos á situación e cambios do mercado actual; e estimular a implantación de estratexias encamiñadas á satisfacción das necesidades, esixencias e demandas das persoas consumidoras. Conta cun orzamento de 31.345 euros e forma parte das accións de promoción e dinamización do sector recollidas no Plan Estratéxico do Comercio Compostelán, cofinanciado pola Deputación da Coruña e o Concello de Santiago, que ten como obxectivo fortalecer o sector para facelo máis dinámico e competitivo.

O primeiro premio, de 750 euros, foi para Lote de complementos para ordenador de sobremesa, composto por unha impresora multifunción da marca Innova, altavoces, e un lector de DNI electrónico da marca Netway. Foi presentado por PC Box Santiago de Compostela e o seu prezo de venda ao público é de 99,90 euros. O segundo premio, de 350 euros, foi para Percheiro. Colección 2010 Senegalia, un colgadoiro presentado por Media Lúa, realizado a man en pel de vacún e tela africana. Costa 27 euros. O 2% das vendas do produto destínanse a proxectos educativos en Senegal. E o terceiro premio acadaouno Posta a punto, un circuito relaxante presentado por Saúde e Beleza, de 90 minutos de duración, que inclúe cápsula de relaxación, talasoterapia e masaxe, e que se pode adquirir por 55 euros.

Ao Concurso de promoción comercial Volta ao cole presentáronse medio centenar de produtos, que se clasificaron dependendo do prezo de venda ao público: ata 5 euros, ata 10, ata 20, ata 30, ata 50 e ata 100 euros. Cada comercio podía presentar unha candidatura por cada rango de prezos. Escolléronse 46 produtos (8 de ata 5 euros, 7 de ata 10 euros, 8 de ata 20 euros, 8 de ata 30 euros, 8 de ata 50 euros e 7 de ata 100 euros), que serán incluídos no catálogo de promoción comercial Volta ao cole que se comenzará a distribuir en setembro. Na decisión do xurado tívose en conta a especialización dos produtos, a relación calidade-prezo e a novidade e orixinalidade no concepto de envases e embalaxes. Todos os produtos seleccionados deberán figurar na oferta habitual do establecemento, como mínimo durante os días que dure a campaña, do 1 ao 30 de setembro de 2010.

Compartir: