CULTURA

O Festival dos Abrazos encherá Compostela coa maxia dos máis diversos espectáculos

06/08/2010 O luns 9 arrincará en Compostela a terceira edición do Festival dos Abrazos, unha iniciativa organizada pola Concellaría de Cultura. Ata o 29 de agosto, a cidade acollerá máis de 80 actividades, dende pequenas intervencións ata grandes espectáculos, no marco dun programa que xunta as máis diversas propostas culturais galegas e internacionais no eido da música, as artes escénicas, o circo, o audiovisual, as performances e as artes plásticas.

O Festival dos Abrazos chega á súa terceira edición convertido xa nunha cita de referencia no verán de Compostela, tanto para os veciños e veciñas da cidade como para os visitantes que nestes días se achegan á cidade. Diferentes culturas, artistas e estilos abrázanse neste festival provocando sorpresas inesperadas e experiencias irrepetibles nas que o público terá a oportunidade non só de ver, senón tamén de participar.

Cidade Patrimonio da Humanidade, Compostela amósase coma un escenario máxico para a creación artística. Dende as prazas e rúas máis coñecidas e transitadas, polas que discorre a vida cotiá, ata ruelas, soportais, recunchos verdes, cemiterios... énchense de actividade co Festival dos Abrazos. Espazos para descubrir ou redescubrir con outros ollos, que son tan protagonistas do Festival coma os propios artistas. Agosto convértese nun mes para vagar pola cidade á busca de concertos, instalacións, representacións e as máis variadas propostas.

Comeza o espectáculo
A programación do Festival comeza o luns 9 de agosto cun pasarrúas inaugural a partir das 18:00 horas a cargo do conxunto de percursión compostelá Trópico de Grelos que, partindo da praza do Toural, percorrerá a cidade vella. A partir dese momento, máis de 80 actividades das máis diversas disciplinas artísticas espallaranse por toda a cidade ata o 29 de agosto.

Durante a xornada do luns tamén terán lugar as actuacións de Rusga, un conxunto folk compostelá, ás 20:00 horas na praza da Oliveira; o Cabaret Acrobático de Pista Catro, ás 20:00 horas, no parque de Bonaval; e da Turres Band, que fará un pasarrúas que os levará ás 21:00 horas á rúa das Rodas e ás 22.30 horas á praza de San Martiño Pinario.

As liñas da programación
En xeral, cada día da semana ten unha disciplina artística coma protagonista destacada. O luns, pequenos e grandes poderán gozar co circo e o clown, cos cabarés acrobáticos de Pista Catro no cemiterio de Bonaval ou cos números de Boneca Lareta na Alameda. O martes cobra un protagonismo especial a programación do Feito a Man, da Asociación Cultural Cidade Vella, a través da instalación artística O becerro de ouro, da man de a_túa, que percorrerá diferentes rúas da cidade histórica. O mércores chegan as singulares propostas de artes escénicas en formato mínimo, coma o Conversatorio, de Quico Cadaval, ou Entras?, de Carmen San Esteban, unha representación para un espectador. O xoves as proxeccións audiovisuais de Curtocircuíto na Rúa percorren as prazas da cidade vella, mentres o venres a música electrónica enche a Zona C de enerxía, desde o kuduro de Katembe Projet ata as mesturas de Beatspoke. E na fin de semana o Festival dos Abrazos énchese de música de aquí e de acolá, mestura de ritmos e influencias, con directos psicodélicos como o de Modulok Trío, o vallenato colombiano de Antonio Rivas Trío, a máis tradicional Banda de Música de Merza, a música de raíz da caboverdiana de Danae, ou rock en galego de Tapiporla e Os Royalties.

O Festival dos Abrazos, organizado pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da S.A. de Xestión do Xacobeo, e do Consorcio de Santiago. Colaboran con esta iniciativa a Asociación Cultural Cidade Vella, que organiza a programación de Feito a Man, integrada no Festival dos Abrazos; a Concellaría de Medio Ambiente; Curtocircuíto; o Festival de Cine Árabe Amal; e a Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da USC.

Compartir: