ALCALDÍA

Sánchez Bugallo promociona as Cidades Patrimonio de España en Chile

05/08/2010 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España participa estes días das xornadas que organiza Turespaña en Chile, onde tivo a oportunidade de presentar a axentes chilenos a oferta turística e cultural das 13 cidades que forman o Grupo. O encontro realizouse na Casona dos Condes, na cidade de Santiago, e contou coa participación de axentes, touroperadores locais e diversos representantes do sector turístico, que puideron coñecer a ampla e variada oferta histórico-artística, cultural e gastronómica do Grupo, que é un indiscutido referente a nivel mundial.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, liderou esta presentación do Grupo Cidades Patrimonio, xunto co alcalde de Segovia, Pedro Arahuetes, e o director da Oficina Española de Turismo de Bos Aires, Julio Moreno Ventas. O encontro contou coa asistencia de Juan Manuel Cabrera, embaixador de España no país andino e Nabor García, ministro conselleiro.

Esta acción dá continuidade ao labor de promoción realizado en 2009 en Chile polo Grupo Cidades Patrimonio xunto a Turespaña, a través da participación en xornadas similares.
Segundo o Estudio sobre la imagen, posicionamiento, hábitos de compra y demanda potencial de España en el mercado de Chile, patrocinado por Turespaña, dentro do contexto europeo, España representa o principal destino para os fluxos do turismo emisor chileno.

Tal como se desprende deste estudo, as viaxes a España están caracterizadas como viaxes de pracer, motivadas por intereses culturais. Os conceptos de patrimonio, cultura, igrexas, museos e arquitectura repítense transversalmente en todos os segmentos investigados. Cabe destacar que a motivación relixiosa é tamén parte das razóns do seu atractivo. Como elementos patrimoniais complementarios e indisolubles dos materiais, se inclúense tamén con frecuencia os aspectos históricos e gastronómicos propios de España.

O mercado chileno supón un gran potencial para o Grupo dentro do que é o mapa de América Latina. Segundo os últimos datos rexistrados neste estudo, na década comprendida entre 1998 e 2008, a saída internacional de turistas chilenos acumulou un crecemento dun 126,6%, pasando de 1.350.846 persoas a 3.060.925.

Achegamento institucional
Os alcaldes de Santiago e de Segovia quixeron aproveitar a oportunidade para reunirse cos seus homólogos de Santiago de Chile, Pablo Zalaquett, e de Valparaíso, Jorge Castro, esta última cidade declarada tamén Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

Estes encontros de carácter institucional permiten estreitar a relación entre as cidades e contribúen ao intercambio de experiencias e ao coñecemento das solucións ofrecidas a problemáticas similares.

Compartir: