CIRCULACIÓN VIARIA

O Departamento de Tráfico incorpora dez novos paneis e outras catro cámaras

05/08/2010 A concelleira de Seguridade Cidadá e Circulación Viaria, Marta Álvarez-Santullano, deu a coñecer as novas instalacións incorporadas para o control do tráfico e da mobilidade na cidade. Consolidando a aposta polas novas tecnoloxías do Departamento de Tráfico, veñen de colocarse dous novos paneis DXT outros oito paneis matrices en vertical e catro novas cámaras.

Estes novos equipos supuxeron un investimento duns 900.000 euros, indicou a concelleira, que agradeceu á Dirección Xeral de Tráfico o seu compromiso coa cidade. A estes investimentos hai que sumar os do Fondo Estatal para o Emprego e a Sostiblidade Local (FEESL 2010), que están a permitir a renovación da sala de pantallas da Policía Local (190.000 euros) e implantación do novo sistema de control de accesos ao Casco Histórico (190.000 euros). En total, o investimento achégase aos 1,3 millóns de euros, "un esforzo importante en novas tecnoloxías que repercute na mellora da mobilidade", apuntou Álvarez-Santullano.

Os dous paneis DXT instaláronse na avenida de Lugo (pouco despois da súa confluencia coa saída do periférico) e en Visa Alegre, na rotonda do Avío. En canto aos oito paneis matriciais en vertical, están instalados en Rosalía de Castro, Vidán, San Lázaro, rotonda de Conxo, O Paxonal, San Caetano, Xoán XXIII e Galeras. Estes paneis ofrecen información tanto do tráfico como do estado dos aparcadoiros. Así, na actualidade, amosan datos sobre os cortes polas obras e desvíos alternativos.

Recordou a edil que, a maiores, xa existían outros dez paneis DXT, a cuxos datos ten acceso tamén o Departamento de Tráfico, e que están situados en puntos como o polígono do Tambre, accesos ao aeroporto, A Choupana ou saídas da AP-9, entre outros.

Ata 24 cámaras
As catro novas cámaras instaláronse na rotonda do Castiñeiriño, na avenida de Lugo, en Vidán e na rotonda do Avío. A estas uniranse en breve outras dúas cámaras, que se situarán en Xoán XXIII e na praza de Puente Castro. Estes dous equipos son consecuencia das melloras ofrecidas polo adxudicatario do contrato de mantemento da rede semafórica da cidade.

Con estas novas catro cámaras, que entraron en funcionamento o 30 de xullo, xa son 22 cámaras das que dispón o Departamento de Tráfico. Polo que ás cámaras se refire, cómpre recordar que tamén existen 10 cámaras de videovixilancia.

Sobre o control de accesos ao Casco Histórico, a concelleira indicou que a finais de ano estarán en funcionamento os sistemas de lectura de matrícula en San Francisco e Porta Faxeira. Preferiuse esperar uns meses para a posta en marcha debido ao alto número de persoas que nestes momentos circulan por estes puntos. Recordou Álvarez-Santullano que xa existían catro controis de acceso á Cidade Histórica (bolardos), aos que se engadirán outros tres nos próximos meses.

Bo funcionamento das alternativas ás obras
Na súa comparecencia ante os medios, a concelleira aproveitou tamén para destacar o bo funcionamento que están a ter os plans alternativos de tráfico con motivo das obras en marcha na cidade. En particular, referiuse á obra do acceso á cidade de Santa Marta-Choupana-Volta do Castro, onde se están a utilizar como alternativas as rúas dos polígonos a ambos lados da estrada. No caso da actuación en Galeras-Salvadas-Vista Alegre, indicou que as obras van a bo ritmo co obxecto de que se poida restablecer o carril de circulación no tramo totalmente cortado agora antes do inicio do curso escolar.

Compartir: