EDUCACIÓN

As obras do FEESL nos centros escolares estarán listas para o comezo do curso escolar

02/08/2010 A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, visitou as obras que se están a realizar en catro centros escolares da cidade no marco do Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local (FEESL 2010). En total, estanse a realizar actuacións en 17 centros, cun investimento total de 900.000 euros.

Os centros visitados por Rosón foron os CEIP Apóstolo Santiago, Rodríguez Xixirei e López Ferreiro, e o EEI Sisto-Marrozos. A concelleira destacou a importancia destas obras, que se suman ás de mantemento que vén realizando regularmente o Concello cos seus fondos e ás que realiza a Consellería de Educación en centros como o colexio infantil de Fontiñas ou o CEIP Monte dos Postes. O obxectivo é que todas as obras nos centros estean rematadas para o comezo do curso, o 9 de setembro.

O primeiro colexio visitado por Mercedes Rosón foi o Apóstolo Santiago, no que se acondicionou xa a zona de entrada con novo pavimento. Unicamente falta o pintado das prazas de aparcamento e a colocación das novas luminarias na zona axardinada fronte ao edificio. Ademais, acondicionouse o lugar reservado para a caldeira.

A seguinte parada foi no CEIP Rodríguez Xixirei, en Lavacolla. Este é un dos centros nos que a intervención é máis significativa. Entre as obras incluídas no proxecto están: a substitución do pavimento do campo de baloncesto; a rampla de formigón con ramplas axeitadas; a substitución das fiestras cara o sur por carpintería de aluminio; o repaso das cubertas dos dous edificios, coa substitución das tellas en mal estado; a substitución de pintura plástica das fachadas do edificio situado ao norte e a ampliación do sistema de megafonía.

Xa no CEIP López Ferreiro, as intervencións principais son a colocación de cuberta para eliminar filtracións nalgunhas aulas e a redistribución de espazos de dúas aulas para acondicionar un novo espazo con acceso independente. Ademais, colocaranse algunhas persianas e substituirase a cancela de madeira da entrada.

A última parada da visita foi na escola rural de Sisto (Marrocos). Alí estase a cambiar o portón metálico da entrada e a malla verde, e a reparar a cuberta con novas placas de fibrocemento e tella cerámica. Tamén se pintarán as zonas exteriores de acceso e substituiranse os peches de malla perimetral dende a zona das escaleiras da entrada ata a parte final da parcela.

Compartir: