CENTROS SOCIOCULTURAIS

O alcalde inaugura a exposición "Sombras de pedra" no centro sociocultural das Fontiñas

21/12/2005 A inauguración da exposición fotográfica "Sombras de pedra" no centro sociocultural das Fontiñas contou cun convidado especial, o alcalde da cidade turca de Diyarbakir, Abdullah Demirbas, que quiso tomar contacto cos cidadáns de Compostela elixindo un dos seus barrios máis populares, Fontiñas.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o autor da mostra, Jacobo Remuñán, inauguraron o mércores, 21 de decembro, a mostra "Sombras de pedra: unha mirada máxica a Compostela" que recolle un total de vinte fotografías orixinais nas que se basea o calendario do Concello de Santiago para o ano 2006.

Ao acto asistiron tamén aa concelleira de centros socioculturais e de Emigración e Inmigración, Mercedes Rosón e Teresa Regúlez, respectivamente.

Por terceiro ano consecutivo o almanaque de mesa editado polo Concello recurre a fotografías de autor, coa diferencia de que nesta ocasión trátase dunha obra individual no lugar de colectiva, como nos anos anteriores. A mostra "Sombras de pedra" está formada por 20 fotografías en branco e negro procedentes do libro do mesmo título editado por Lúdica 7.

Trece destas 20 fotografías forman o calendario, actualmente en proceso de impresión. A totalidade das fotos, positivadas expresamente para esta exposición en papel de alta calidade por Tino Martínez, pasan a incorporarse á colección de fotografías do Concello.

O Concello fai nesta ocasión unha homenaxe aos fotógrafos "de rúa" que, como Jacobo Remuñán ou o seu inseparable compañeiro Santi Alvite, continúan a tradición dos vellos fotógrafos da Alameda, facendo no seu caso da Praza do Obradoiro, onde realizan numerosos retratos aos grupos de turistas e visitantes da cidade, o seu campo de actuación.

Espectador de excepción, pois, do discurrir do tempo e das estacións na Praza do Obradoiro, que constitúe o corazón de Compostela, Jacobo Remuñán indaga en "Sombras de pedra" na íntima relación entre a luz e a pedra, protagonistas desta exposición.

O deseño do calendario foi realizado por Alberte Permuy, un dos máis prestixios deseñadores gráficos galegos, procurando respectar a forza expresiva das imaxes en branco e negro sen prexuizo da necesaria lexibilidade dunha ferramenta tan útil como un calendario de mesa, que próximamente comezará a distribuirse.

A exposición "Sombras de pedra" permanecerá no centro sociocultural das Fontiñas ata o 20 de xaneiro, pasando despois a rotar por outros centros socioculturais do municipio.

Compartir: