CIDADE HISTÓRICA

Comezan as visitas arqueolóxicas guiadas á fonte atopada na zona de San Clemente

27/07/2010 A concelleira de Cidade Histórica e Rehabilitación, Olga Pedreira, presentou as Visitas Arqueolóxicas Guiadas que se farán á fonte atopada na zona de San Clemente. Fíxoo acompañada da arqueóloga municipal, Dolores Cerqueiro. A fonte atopouse no mes de abril, no transcurso das obras de reurbanización da rúa de San Clemente, a uns dous metros de profundidade e, vista a súa relevancia, a concelleira anunciara que se farían estas visitas explicativas, ás que pode asistir calquera cidadán ou visitante.

A aparición desta estrutura arqueolóxica xerou, dende o principio, unha extraordinaria expectación entre os cidadáns que, día tras día, se acercaban á rampla de San Clemente para seguir a marcha dos traballos. Esta expectación alimentouse dunha certa impaciencia xerada polo descoñecemento, no inicio da escavación, de datos referidos, sobre todo, á súa cronoloxía. Agora, coa intervención arqueolóxica xa moi avanzada e aínda que con lagoas importantes, xa podemos mostrar e explicar parte da historia desta fonte e a súa función na cidade. Sabemos que data da época medieval e que se taparía a principios do XIX, xa que entre as moedas atopadas nos restos, aparece algunha que data de finais do XVIII, principios do XIX. Sabemos tamén que durante unha época estivo a formar parte do Colexio San Clemente, dentro do seu recinto.

Todas estas cousas contaranse nas visitas arqueolóxicas guiadas. Contar a historia da fonte servirá, ademais, para explicar outras cuestións importantes: a protección legal da cidade e, particularmente, do patrimonio arqueolóxico; a metodoloxía e fontes de estudio que utilizan os arqueólogos no seu traballo cotiá; a participación de diferentes especialistas na recuperación da historia da cidade ...

As visitas serán os mércores e xoves, sendo a primeira o mércores 4 de agosto. Comezarán as 20:00 horas e terán unha duración duns 45 minutos. Todos aqueles que queiran participar deben chamar ao teléfono 981 542 328, mandar un fax ao 981 542 329 ou un correo electrónico a ccidadehistorica@santiagodecompostela.gal. Tendo en conta que neste mes moitos composteláns e compostelás non están na cidade, e tamén coñecendo o interesante que pode ser a actividade para os estudantes, está previsto que se retomen as visitas nos meses de outubro e novembro

Adro e os bancos arredor
A fonte está conformada por unha arca de pedra rectangular sobre a que se asenta un arco de medio punto. A arca encerra un rico manancial de auga que brota directamente da rocha nese punto. A peza que pecha o frontal da arca ten un orificio central, que permite o paso da auga dende a cisterna ata o exterior. A finais do mes de xuño iniciouse unha escavación arqueolóxica de toda área que rodea a fonte, co fin de exhumar a totalidade dos restos asociados a esta, así como determinar a súa planta e características construtivas.

Esta segunda intervención xa destapou todo o espazo enlousado que, a xeito de adro, se estende por diante da fonte e continúa por debaixo da rampla de acceso á avenida de Rodrigo de Padrón. Ese espazo aparece perfectamente delimitado por muros de pedra e bancadas de asento laterais que se poden ver a simple vista perfectamente conservadas.

Compartir: