SEGURIDADE CIDADÁ

Dez barrios da cidade contarán con máis de 2.500 prazas de estacionamento gratuítas reservadas para residentes

26/07/2010 A concelleira de Circulación Viaria e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, presentou a proposta que elevará á Xunta de Goberno Local para dotar a dez áreas da cidade de zonas específicas para o estacionamento de residentes, tal e como se establece na Ordenanza do Sistema de Ordenación e Regulación do Servizo ORA. En total serán 2.172 prazas permanentes e 398 nocturnas, de carácter gratuíto para os residentes.

Esta proposta pretende desenvolver a devandita Ordenanza, empezando a súa aplicación polos barrios da cidade que contan con dúas especificidades: que as súas vivendas, maioritariamente, carecen de aparcamentos; e que están sometidos a unha importante presión de aparcamento, producido pola proximidade de Institucións, grandes superficies comerciais, Universidade, hospitais, Casco Histórico e Ensanche da cidade.

As áreas de residentes iranse implantando progresivamente. A primeira delas será Pontepedriña, a partir do mes de setembro. Esta implantación requirirá, segundo indicou a concelleira, a sinalización horizontal e vertical destas zonas e, ao mesmo tempo, tramitar a tarxeta de residencia.

Os barrios obxecto do establecemento de áreas reservadas a estacionamento de residentes son os seguintes, e na orde que se establece:

1. PONTEPEDRIÑA
- Número praza aparcamentos residentes: 307

2. VITE-GUADALUPE
- Número praza aparcamentos residentes: 460
- Aparcamentos libres de día e residentes noite: 143

2. SAN PEDRO
- Número praza aparcamentos residentes: 328
- Aparcamentos libres de día e residentes noite: 88

4. ALMÁCIGA
- Número praza aparcamentos residentes: 384

5. ZONA DE ULTREIA
- Número praza aparcamentos residentes: 54
- Aparcamentos libres de día e residentes noite: 52

6. SAR
- Número praza aparcamentos residentes: 102
- Aparcamentos libres de día e residentes noite: 41

7. SAN LOURENZO
- Número praza aparcamentos residentes: 53
- Aparcamentos libres de día e residentes noite: 64

8. PELAMIOS
- Número praza aparcamentos residentes: 161

9. VISTA ALEGRE
- Número praza aparcamentos residentes: 152

10. SANTA MARTA
- Número praza aparcamentos residentes: 171
- Aparcamentos libres de día e residentes noite: 10

Esta proposta, que se someterá a ditame da Comisión Informativa de Servizos e posteriormente á Xunta de Goberno Local, está consensuada coas asociacións de veciños dos barrios, nunha forma clara de facer participación cidadá. O prazo de presentación das solicitudes farase público a través dos medios de comunicación, das asociacións de veciños e de buzoneo polos barrios.

Ordenanza e tarxeta de residente
A Ordenanza do Sistema de Ordenación e Regulación do Servizo ORA e Aparcamento de residentes, aprobada definitivamente, regula entre outros aspectos, como novidade, a priorización de uso do dominio público destinado a estacionamento, por parte dos residentes, nas circunstancias establecidas na propia Ordenanza.

No Capítulo V da mesma, artigos 23 e seguintes, regula o réxime de residentes como réxime excepcional, e establece os requisitos e a documentación necesarios para a obtención do distintivo de residentes. Os beneficiarios deberán acreditar en todo caso o seu empadroamento en Santiago, o tipo de propiedade respecto do vehículo ou estar ao corrente de pago dos seus impostos, entre outros requisitos. É compatible o distintivo de residente por razón de municipio co de residente por domicilio, emitíndose neste caso unha única tarxeta.

Poderase conceder un distintivo por persoa e vehículo e un segundo ao cónxuxe, parella de feito ou descendentes que vivan no mesmo domicilio.

Compartir: