ALCALDÍA

O alcalde, satisfeito cos "avances notables" en relación á estación do AVE

23/07/2010 Tras as reunións mantidas esta semana con técnicos de ADIF, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, expresou a súa satisfacción polos "avances notables" producidos en relación á futura estación do AVE. Agarda que para setembro se poida reunir a comisión de seguimento e xa entón se teñan perfilado os principais aspectos do novo edificio, incluídas as súas conexións.

Sánchez Bugallo citou algúns dos aspectos sobre os que se está traballando. Entre eles está a articulación da conexión do vieiro Sar-Pontepedriña co Hórreo por debaixo das vías do tren, a unión entre o Hórreo e a propia estación ou os aparcamentos previstos. Tamén se está a falar da conexión da estación do tren coa de autobuses. Malia que a titularidade das mesmas será diferente, defende a necesidade de que os viaxeiros poidan ir dun edificio ao outro sen ter que saír ao exterior

Apuntou o rexedor municipal que se está contemplando a posibilidade de compatibilizar o edificio vello coa nova estación e como encaixar as marquesiñas, de dimensións moi diferentes. Sobre as vías, anunciou que haberá seis, catro destinadas exclusivamente ao AVE e dúas máis adaptables ao ancho ibérico, co obxectivo de facelas mixtas.

Sobre o financiamento do proxecto, Sánchez Bugallo indicou que "probablemente haxa que ir anticipando parte da inversión", xa que, na actual situación económica, é previsible que o desenvolvemento urbanístico previsto no convenio subscrito con ADIF para financiar esta actuación vaia máis lento. Neste sentido, agarda que ADIF licite a obra sen esperar ao desenvolvemento urbanístico.

Finalmente, recordou que a intención municipal é situar finalmente a estación de mercadorías na Sionlla, "pero de momento non hai nin vías nin estación, así que é probable que provisionalmente vaia na Susana, onde si as hai".

A bo ritmo as obras da entrada do AVE en Santiago
Tamén en relación ao AVE, pero neste caso á entrada do mesmo en Santiago, o alcalde indicou que as obras marchan incluso mellor do previsto, de xeito que mesmo se podería anticipar uns meses a data estimada de decembro de 2011. Co tramo Santiago-A Coruña unicamente pendente de electrificar, para esta data estaría rematada a conexión Santiago-Ourense e podería poñerse en marcha o tramo do AVE A Coruña-Santiago-Ourense. Así, xuntando a apertura do AVE entre Madrid e Zamora, en 2012 podería realizarse o percorrido entre Santiago e Madrid en 4,5 horas, que serán 2,5 horas cando se remate o tramo entre Zamora e Ourense.

AP-9
Sobre a ampliación da autopista AP-9, Sánchez Bugallo comentou as reunión mantida por técnicos do Ministerio de Fomento e do Concello para falar das alegacións presentadas. "Probablemente en setembro estean as alegacións resoltas e en xaneiro ou febreiro poida estar o proxecto redactado, para que no primeiro semestre de 2011 poidan comezar as obras", dixo.

Aeroporto
Adiantadas marchan tamén as obras da nova terminal de Lavacolla, xa que o Ministerio de Fomento anunciou o seu remate para marzo de 2011. "Estaría satisfeito se o vindeiro 25 de xullo os visitantes puideran chegar a Santiago a través da nova terminal", comentou o alcalde.

Compartir: