CONSORCIO

O patrimonio de Santiago de Compostela aproxímase ao cidadán

23/07/2010 O Consorcio de Santiago pon ao servizo dos cidadáns, a través de Internet, o Sistema de Información Patrimonial (SIP) da Cidade Histórica de Santiago de Compostela. Dende o 2009, este sistema estaba dispoñible para os xestores do Consorcio e doutros organismos participantes no proxecto e a partir de agora publicarase a información Patrimonial, tanto cartográfica como documental, ao público en xeral.

O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou este sistema, creado polo Consorcio de Santiago de Compostela en colaboración co Centro Nacional de Información Geográfica (CNIG), do Instituto Geográfico Nacional (IGN) do Ministerio de Fomento. Outros organismos participantes no proxecto son: o Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe pertencente ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e o Concello.

O SIP é un sistema xeodocumental de xestión, inventario e administración do Patrimonio, mediante o cal é posible xestionar de forma unificada as actuacións que se realicen, no ámbito de competencia do Consorcio, tanto de carácter arquitectónico como arqueolóxico. Para a análise e desenvolvemento deste sistema de información, o Centro Nacional de Información Geográfica contou coa colaboración técnica da compañía de servizos de tecnoloxías da información Atos Origin.

Este sistema facilitará aos técnicos os seus labores diarios de xestión de proxectos de intervención sobre elementos do Patrimonio Histórico e apoiará os labores de investigación sobre a cidade. Ademais permitirá a eses usuarios utilizar de forma transparente as tecnoloxías dos SIX e de Xestión Documental e acceder de maneira segura á información sobre os elementos do Patrimonio Histórico. Grazas a este proxecto, a Xerencia do Consorcio dispón dunha potente aplicación que lle permite visualizar e analizar a información cartográfica dixital da Cidade Histórica; sobre ela pode situar e relacionar todos os elementos patrimoniais e asociar, a cada un deles, o arquivo de todas as actividades documentais xeradas polo Consorcio, axudándolle na toma de decisións e achegando un valor adicional nas súas tarefas diarias relacionadas co Patrimonio.

O Sistema de Información Patrimonial da Cidade de Santiago de Compostela pretende converterse no modelo de referencia para os sistemas integrados de xestión de Patrimonio Histórico, que sirvan de impulso e potencien a imaxe de Santiago de Compostela a nivel mundial.

Ademais de Xosé A. Sánchez Bugallo, participaron na rolda de prensa o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; o director do Centro Nacional de Información Geográfica (Ministerio de Fomento), Sebastián Mas Mayoral; a coordinadora do Proxecto SIP, Ana Hernández Caballero; e o director xeral do Instituto Geográfico Nacional e presidente do CNIG, Alberto Sereno Álvarez.

Compartir: