ALCALDÍA

A ONCE entrega ao alcalde un agasallo que remata a serie de 65 cupóns dedicada ao Camiño de Santiago

20/07/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu en Raxoi o delegado territorial da ONCE en Galicia, Eugenio Ferradas, que lle fixo entrega dun agasallo que pon fin á serie de 65 cupóns dedicada ao Camiño de Santiago, que remata o 25 de xullo.

Esta iniciativa da ONCE é unha das máis grandes e importantes campañas de difusión dun feito cultural, turístico e relixioso que levou a cabo a organización en toda a historia do cupón, poñendo en circulación máis de 325 millóns de cupóns ilustrando o Camiño a Compostela. Dende o 1 de xullo, a serie de cupóns dedica as súas ilustración á cidade de Compostela. Con tal motivo, o Departamento de Comunicación da ONCE realizou unha serie de agasallos conmemorativos, que foron entregados aos representantes dos medios de comunicación presentes no Concello.

O alcalde recibiu un cadro que reproduce o Camiño e, adheridos ao mesmo, os 65 cupóns editados. Tamén recibiu a camiseta conmemorativa desta campaña.

Compartir: