CIRCULACIÓN VIARIA E INFRAESTRUTURAS

O Hórreo conta xa con dous carrís por cada sentido en superficie

16/07/2010 Os concelleiros de Circulación Viaria, Marta Álvarez-Santullano, e de Infraestruturas, Bernardino Rama, acompañados do xefe da Policía Local, Norberto Villaverde, explicaron en rolda de prensa diversas alteracións de tráfico con motivo das obras en marcha na cidade. En concreto, afectan ás intervencións do túnel do Hórreo, as rúas República do Salvador e López Ferreiro (FEESL) e nos accesos á cidade de Choupana e Galeras.

O tráfico en superficie no Hórreo retomarase con catro carrís de circulación a partir do sábado 17 de xullo. Os dous carrís dispostos en cada sentido estarán separados por varandas do tipo New Jersey.

Non ser permitirán ningún xiro á esquerda, polo que os cambios de sentido faranse a través da rotonda provisional situada diante da gasolineira de Galuresa –no lugar onde xa estaba antes do inicio da obra- e dunha nova rotonda que se crea no entronque entre a avenida de Lugo e a rúa do Hórreo, no lugar onde se situará tamén cando remate a obra. Do mesmo xeito, os vehículos procedentes de Fernando III O Santo tamén deberán ir ata a rotonda para efectuar o cambio de sentido.

República do Salvador
Con motivo do comezo das obras de reurbanización na rúa República do Salvador, incluídas no Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local e, en concreto, no tramo entre Doutor Teixeiro e Xeneral Pardiñas, produciranse alteracións no tráfico a partir do luns 19.

No tramo en obras quedará prohibida a circulación de vehículos e unicamente se permitirá o paso para o acceso aos garaxes. Os vehículos procedentes da rúa Doutor Teixeiro e de Hórreo – República do Salvador deberán desviarse por Doutor Teixeiro cara a praza de Ponte Castro.

López Ferreiro
Outra das obras incluídas no FEESL é a da rúa López Ferreiro, a cal, xunto coa intervención en Rey Alvite, vén a completar a reurbanización do chamado Ensanche Vello. A obra comeza tamén o luns 19, data dende a cal se inverterá o sentido da rúa Eduardo Pondal.

A rúa Domingo Fontán cambia tamén o sentido de circulación, converténdose en saída dende López Ferreiro. Deste xeito, os condutores que circulen por Eduardo Pondal, poderán acceder á rúa de Bernardo Barreiro dirixíndose á esquerda por Domingo Fontán ou seguir de fronte, segundo o sentido no que desexen seguir.

Rosalía de Castro – Choupana
Xa nas obras de reurbanización do acceso á cidade de Rosalía de Castro - Choupana, vai a comezar a fase máis complexa da intervención. Dende o 19 de xullo e ata que comece o curso escolar, o tramo da rúa da Choupana entre Antonio Rama e Blanco Nájera quedará cun único carril de circulación en sentido de entrada á cidade. A saída da cidade efectuarase pola rúa Rosalía de Castro, desviándose os vehículos na rotonda do Hotel Peregrino por Ánxel Baltar e a avenida de Barcelona ata Antonio Rama, a través da cal se producirá a reincorporación á rúa da Choupana. Esta alternativa será a que deban tomar tamén os condutores que desexen acceder á Choupana procedentes da rúa Mestre Mateo.

Ao tempo, comeza outra fase da obra dende o extremo de Rosalía de Castro (fronte ao antigo Cine Avenida). Neste tramo quedarán unicamente dous carrís de circulación, un en cada sentido (ata agora eran dous en cada sentido).

Galeras – Salvadas
A obra no acceso á cidade que comprende Galeras, Salvadas e Vista Alegre tamén comeza unha nova fase. Tamén a partir do luns 19, quedará cortada totalmente á circulación o tramo da rúa Galeras entre o cruce de Entregaleras (esquina do edificio de Fenosa) e a rúa Presidente Salvador Allende. Unicamente se permitirá o acceso aos garaxes.

Inverterase o sentido de circulación da rúa Poza de Bar, dende a carballeira de San Lorenzo, que a partir de agora pasa a ser de entrada á cidade. Deste xeito, ao chegar ao Pombal, os vehículos poderán xirar á dereita, en sentido centro da cidade, ou á esquerda, dirección Vista Alegre, por Entregaleras e a rúa Presidente Salvador Allende, a través da cal se incorporarán á rúa de Galeras.

Polo tanto, na rúa de Galeras quedará restrinxida por completo a circulación en sentido de entrada á cidade, a cal deberá facerse obrigatoriamente través da avenida de Castelao, se a intención é ir cara o centro da cidade, e por Casas Novas, Carme de Abaixo e Figueiras, se os condutores se dirixen ao sur da cidade.

Compartir: