POLÍTICA LINGÜÍSTICA

Entréganse os premios Manuel Beiras 2005

20/12/2005 O Alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o Presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey Carril, presidirán o acto de entrega dos Premios "Manuel Beiras 2005" durante a noite do martes 20 de decembro. Ao acto asistiron tamén o Concelleiro de Normalización Lingüística, Manuel Portas Fernández, e o presidente do xurado, Evaristo Nogueira, entre outros membros do xurado e de diversas entidades relacionadas co idioma e co mundo empresarial.

O Premio Manuel Beiras, creado conxuntamente polo Concello e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela no ano 2005 ten o propósito recoñecer publicamente o esforzo de normalización do uso do galego no sector empresarial, de especial importancia para este obxectivo, lembrando á vez a figura do histórico comerciante compostelán e destacado loitador da nosa cultura e da nosa lingua do que toma o seu nome.

Nesta sexta edición e logo de analizadas as 53 candidaturas presentadas e das deliberacións oportunas, o xurado, reunido o pasado 16 de decembro, acordou outorgar o Premio Manuel Beiras, nas súas diferentes categorías ás seguintes empresas e entidades:

Na categoría de Empresas que veñan realizando un uso continuado da lingua galega, á clínica veterinaria San Roque, que "mantén coherentemente o noso idioma en toda a imaxe corporativa, tanto nos usos escritos e formais como nos orais e máis espontáneos, e se presenta ante os seus clientes como un exemplo de empresa galeguizada".

No apartado de Empresas que se incorporaron recentemente ao uso do galego, á empresa inmobiliaria Rey Xestión que, desde o seu nacemento en 2001, "sumou á iniciativa emprendedora o valor engadido de apostar pola utilización da lingua galega nun ámbito de negocio en que resulta aínda pioneiro".

Finalmente, de acordo coas bases, o Xurado acorda por unanimidade outorgar unha distinción especial á Sala Nasa, como empresa que "con naturalidade realiza un traballo de vangarda no ámbito da cultura desde Galiza e en galego. O Xurado valora especialmente que mantén un proxecto sólido e viábel en si mesmo, cun futuro prometedor, mostra da posibilidade de manter e proxectar a lingua desde o tecido empresarial sen a necesidade de depender exclusivamente de recursos e subvencións alleas".

Compartir: