SEGURIDADE

Santiago, cidade segura

16/03/2005 Compostela mantén uns altos niveis de seguridade cidadán, por riba da media nacional, segundo se desprende dos datos achegados no seo da Xunta Local de Seguridade.

Coa presencia do Delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras Vales, e o Alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, a Xunta Local de Seguridade analizou os datos estatísticos referidos á seguridade durante o pasado ano xubilar.

Estes datos reflicten, no seu conxunto, que a capital de Galicia é unha cidade especialmente segura, sen que a afluencia de millóns de visitantes durante o pasado ano xubilar implicara un aumento dos delitos.

Concretamente o tipo de delitos que teñen un maior impacto cidadán ao xerar un claro clima de inseguridade, como son os homicidios e os atracos a bancos, son descoñecidos na cidade, situación que repite no pasado ano xubilar de 1999 e mesmo o pasado ano 2003.

Sánchez Bugallo manifestou o agradecemento da cidade a todos os corpos e forzas de seguridade (policía local, nacional, autonómica..), protección civil, bombeiros e cantas entidades colaboran coa sua labor cotiá en facer de Compostela unha cidade segura.

Compartir: