URBANISMO

Enerxía a pedais en prol do aforro e dun urbanismo sostible

07/07/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou na praza Aurelio Aguirre de Conxo a Árbore Urbana promovida pola Asociación Sostibilidade e Arquitectura (ASA) en colaboración co Concello. Permanecerá instalada durante 15 días e pretende concienciar os cidadáns sobre o aforro enerxético e o urbanismo sostible.

A Árbore Urbana produce enerxía grazas ás pedaladas dos cidadáns e a paneis solares. Así, o cidadán pode experimentar a produción de enerxías limpas. A copa desta árbore está conectada cun depósito que fai as veces e cimentación provisional, almacenamento de auga de rego e espazo de estancia.

Grazas aos pedaleos, a enerxía producida permitirá regar as plantas e recargar calquera dispositivo, coma un ordenador portátil ou un teléfono móbil. Diversos códigos luminosos indican o estado da carga da batería ou a auga almacenada. Deste xeito, a praza Aurelio Aguirre converterase durante 15 días nun punto de encontro para practicar o exercicio ao aire libre e para colaborar no desenvolvemento das enerxías renovables.

Uriel Fogué, Carlos Palacios e Eva Gil, da empresa Elii, autora do proxecto, acompañaron ao alcalde e á concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, na inauguración da instalación. Ademais, tanto os alumnos da Escola de Verán de Inglés como os nenos da Escola Infantil de Conxo probaron a pedalear e xerar enerxía. "Con esta árbore, os máis pequenos disfrutan á vez que nos facemos conscientes da necesidade de coidar e respectar a natureza no medio urbano", dixo Sánchez Bugallo, que recordou a "boa dotación de Santiago en canto a parques e zonas verdes".

Tras o seu paso por Santiago, este proxecto pasará por Barcelona e, posteriormente, viaxará a Bruxelas, xa que foi solicitado polo Museo Tecnolóxico da capital belga.

Compartir: