COMERCIO

O programa "Volta ao cole" promoverá as compras de outono nos comercios de Santiago de Compostela

06/07/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou o Concurso de promoción comercial Volta ao cole, aprobado en Xunta de Goberno. Este programa pretende potenciar as compras nos establecementos comerciais na cidade durante o outono, promover a adaptación dos comercios ao mercado actual e estimular a implantación de estratexias encamiñadas á satisfacción dos consumidores.

O outono é un período onde se realizan compras importantes por dous motivos: o comezo dunha nova estación, despois das vacacións e da calor estival, e o comezo do curso escolar; circunstancias que derivan na necesidade de compra para o aprovisionamento da tempada que comeza. Neste marco, o funcionamento do programa "Volta ao cole" é similar ao de Regalar custa pouco, do que xa se organizaron dúas edicións.

Este martes 6 de marzo ábrese o prazo de inscrición no certame, dirixido a todos os establecementos comerciais da cidade. Para participar no concurso cómpre presentar unha ou varias propostas de produtos que se oferten durante o outono. As mellores propostas serán recollidas no catálogo Volta ao cole, xunto á identificación e localización do comercio. Esta publicación distribuirase de balde entre os composteláns a partir do mes de setembro.

Os comercios interesados poden inscribirse de balde cubrindo o formulario que se pode descargar da páxina web da Concellaría de Promoción Económica www.maiscompostela.org, xunto á información sobre o concurso. Esta documentación é a mesma que xa se está repartindo polos establecementos de Compostela, e inclúe as bases do certame e as solicitudes de participación.

A documentación a cubrir consta do Anexo I, que é a ficha de inscrición no certame, e o Anexo II, unha ficha técnica na que se describe brevemente o produto que vai concursar. Establécense ata seis rangos de produtos, dependendo do prezo: ata 5 euros, ata 10, ata 20, ata 30, ata 50 e ata 100 euros. Cada comercio pode presentar unha candidatura por cada rango de prezos. Os produtos presentados deberán figurar na oferta habitual do comercio durante os días que dure a campaña de exposición e venda. Unha vez cubertos os dous anexos de participación, teñen que presentarse en calquera dos rexistros cos que conta o Concello de Santiago. O prazo de presentación remata o 16 de xullo.

Relación calidade-prezo, novidade e orixinalidade
Unha vez rematado o prazo de inscrición, convocarase os establecementos participantes para que presenten unha mostra dos produtos e das embalaxes presentados a concurso. Un comité de selección valorará as candidaturas conforme á especialización dos produtos, á relación calidade-prezo e á novidade e orixinalidade no concepto de envases e embalaxes. As tres mellores propostas recibirán 750 euros (a clasificada en primeiro lugar) 350 euros (a segunda) e 200 euros (a terceira), e un espazo publicitario en prensa local. Ademais, entre os establecementos comerciais participantes sortearanse cinco cheques de consultoría de servizos técnicos especialistas en interiorismo e decoración.

Todas as propostas seleccionadas fotografiaranse e incluiranse no catálogo editado pola Concellaría de Promoción Económica que se distribuirá de xeito gratuíto entre a cidadanía. Ao lado de cada un dos produtos irá a identificación do comercio, co seu enderezo. Trátase dunha publicación que se elaborará cun deseño atractivo, destinada ás compras de outono e con prezos asequibles e pechados. O catálogo, deseñado e editado dun xeito actual, elegante e facilmente lexible e manipulable, seguindo criterios de calidade, ten como obxectivo achegar os cidadáns ao comercio local, ben sexa para adquirir os produtos que alí se ofrecen ou tamén para coñecer outros similares que ofertan eses establecementos e fomentar así as compras nas tendas locais.

O programa Volta ao cole conta cun orzamento de 31.345 euros. Forma parte das accións de promoción e dinamización do sector recollidas no Plan Estratéxico do Comercio Compostelán, cofinanciado pola Deputación da Coruña e o Concello de Santiago, que ten como obxectivo fortalecer o sector para facelo máis dinámico e competitivo.

Compartir: