URBANISMO

Unha árbore urbana instalada en Conxo promoverá a conciencia cidadá sobre o aforro enerxético e o urbanismo sostible

05/07/2010 A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, e a secretaria técnica da Asociación Sostenibilidad y Arquitectura (ASA), Teresa Banet, presentaron unha instalación que durante 15 días, no barrio de Conxo, pretende concienciar aos cidadáns sobre o aforro enerxético e a súa importancia para lograr edificios e cidades sostibles. Trátase dunha árbore urbana que producirá enerxía grazas ás pedaladas dos cidadáns e a paneis solares.

O vindeiro mércores, 7 de xullo, inaugurarase esta árbore urbana na praza Aurelio Aguirre de Conxo, tras o seu paso pola cidade de Alcalá de Henares. Alí permanecerá durante quince días, nos cales calquera cidadán poderá experimentar a produción de enerxías limpas. Está previsto tamén que os alumnos da Escola Municipal de Verán desenvolvan ao redor desta árbore unha unidade didáctica.

Esta árbore urbana, ideada por Uriel Fogué e Carlos Palacios, obtivo o primeiro premio, de entre 81 propostas presentadas, do concurso para novos arquitectos organizado por ASA e as cidades patrimonio de Santiago de Compostela e Alcalá de Henares. O xurado valorou a súa capacidade para "trasladar a un público xeral as preocupacións propias da ecoloxía, por medio de estratexias lúdicas e que se proxectan cun control de medios que o facían viable economicamente."

O obxectivo do proxecto é a loita contra o cambio climático e a contaminación a través da arquitectura. A árbore funciona pola combinación da enerxía producida polas bicicletas activadas polos cidadáns e os paneis solares fotovoltaicos activados pola acción solar. A copa da árbore conéctase a un depósito que fai as veces de cimentación provisional, almacenamento de auga de rego e espazo de estancia.

Enerxía a pedais
A práctica "ciclista" permite que a árbore urbana regue as plantas que crecen na súa copa e vaporice auga nas estacións calorosas. A enerxía dos paneis serve de aporte enerxético complementario para a carga de dispositivos eléctricos, ordenador, teléfono móbil, etc.

Este prototipo, fabricado pola empresa Porcelanosa, comunica a xestión da enerxía a través de diversos códigos luminosos, como son o indicador de carga da batería, o indicador de auga almacenada e o indicador de emerxencia se a árbore se descarga. Estas árbores urbanas son puntos de encontro para practicar o exercicio ao aire libre e colaborar no desenvolvemento das enerxías renovables.

A concelleira de Urbanismo convidou todos os cidadáns a pedalear nesta árbore urbana e felicitou a ASA pola súa promover unha "nova conciencia da arquitectura e do urbanismo". Neste sentido, Teresa Banet, recordou que a Asociación naceu en resposta á percepción "dunha arquitectura e dun urbanismo separado das necesidades dos cidadáns". Resaltou a importancia do aforro enerxético para a configuración de "edificios e cidades sostibles":

Tras o seu paso por Santiago, este proxecto pasará por Barcelona e, posteriormente, viaxará a Bruxelas, xa que foi solicitado polo Museo Tecnolóxico da capital belga.

Compartir: