PLENO

O Pleno aproba uns orzamentos axustados que priorizan os servizos sociais

05/07/2010 Nunha sesión extraordinaria, o Pleno municipal aprobou inicialmente o orzamento e o cadro de persoal do Concello para o ano 2010. Ademais, deuse o visto bo á reformulación do Plan Económico Financeiro 2009-2011.

A concelleira de Facenda, Rosa Fernández, explicou as principais características dos orzamentos, cifrados nuns ingresos de 104.902.782,46 euros e uns gastos de 104.004.251,29 euros. Cómpre recordar que os orzamentos consolidados, incluíndo tamén as contas de Auditorio de Galicia, INCOLSA, TUSSA E EMUVISSA, quedan fixados en 120.178.138,39 euros de ingresos e 119.279.607,22 euros de gastos, rexistrándose un lixeiro superávit.

Tal como explicara anteriormente en rolda de prensa a concelleira, preséntase no marco do plan de medidas extraordinarias que modifican o PEF (Plan Económico e Financeiro) vixente co obxectivo de adaptar as estimacións de ingresos e gastos e manter o equilibro orzamentario. O nivel de endebedamento contense e só se prevé a operación xa autorizada polo Pleno. É un orzamento que mantén os servizos públicos básicos e no que o Goberno municipal reflicte un programa de gastos extraordinario para o Xacobeo 2010, que se cuantifica en dous millóns de euros.

O orzamento axusta á baixa os gastos de persoal, de persoal eventual e de cargos electos. Nos gastos correntes practícase unha diminución do 9,12% con respecto aos créditos iniciais de 2009. O capítulo 4, de transferencias correntes, sofre unha minoración do 8,34%, na que se tivo especial coidado en manter e dar prioridade ás achegas de contido social e de fomento do emprego.

Rosa Fernández recordou tamén que existe un desequilibro inicial para absorber o remanente de tesourería negativo do exercicio de 2009. Este orzamento inclúe un investimento orzamentario de 20.194.032,91 euros, e está encadrado dentro do Plan de austeridade derivado da baixada de ingresos por mor da crise.

A edil resaltou que a demora na presentación destes orzamentos non supuxo en ningún momento unha paralización da cidade nin do funcionamento administrativo do Concello. Os investimentos financiados externamente, as actuacións do plan URBAN, cifradas en tres millóns de euros, e as do plan FEES, que representan un investimento de 9,6 millóns de euros, están en trámite de execución.

Aprobado inicialmente este orzamento cos votos favorables do grupo de Goberno e o negativo do grupo municipal popular, abrirase o período de alegacións, tras as cales as contas volverán ao Pleno para a aprobación definitiva das mesmas.

Plan Económico e Financeiro
A concelleira de Facenda tamén explicou a reformulación do Plan Económico Financeiro 2009-2011, derivada da incidencia da actual situación económica nos ingresos do Concello. Ademais do superávit inicial orzamentario do exercicio 2010, proponse un incremento adicional do aforro corrente, baseado, por un lado, no incremento de dereitos a causa da revisión catastral, da implantación de taxas de ocupación de dominio público, de mellora da xestión dos ingresos derivados da ocupación da vía pública de do reforzo da inspección fiscal. Polo outro, aplícanse medidas de redución de gasto corrente nos capítulos 1, 2 e 4 do orzamento. Isto inclúe, por exemplo, redución de gastos de persoal ou de consumo ou na contención do déficit do transporte público.
Outra das medidas adoptadas será a contención do nivel de endebedamento en 2010, que pasan dos 7,6 millóns de euros previstos inicialmente no PEF a 4,1 millóns. Xa en 2011, o incremento do endebedamento será 0. Tamén se minorará o montante da incorporación de remanentes de crédito e a plurianualidade dos investimentos.

Compartir: