TURISMO

O concelleiro de Turismo lembra que "INCOLSA non está para gañar cartos, senón para que os gañe a cidade"

02/07/2010 Pechadas as contas de INCOLSA de 2009 cun lixeiro beneficio, o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, valorou a xestión realizada neste ano, malia ter pasado por "unha situación complexa", en relación aos 600.000 euros que se deixaron de percibir polos convenios non subscritos pola Xunta de Galicia.

Iglesias indicou que INCOLSA segue a ser "unha ferramenta fundamental na consolidación de Santiago como destino turístico de referencia", e recordou que esta empresa "non está para gañar cartos, senón para que gañe cartos a cidade". Así, e malia as dificultades, dixo, "presentamos unhas contas equilibradas e seguimos neste temo a desenvolver o labor de promoción da cidade con eficacia e profesionalidade".

Quixo recalcar que fronte ás voces que "puxeron en dúbida as contas e mesmo pediron a desaparición de INCOLSA, os resultados están aí, e hoxe somos a primeira das cidades patrimonio españolas e a primeira das cidades verdes". Tamén destacou o avanzado nestes anos na desestacionalización e na ampliación da estancia media". Tampouco esqueceu as marcas conseguidas en pernoctacións e na chegada de viaxeiros a través do Aeroporto de Lavacolla.

Propostas ao Consello Sectorial de Turismo
Cara o futuro, o edil referiuse ás propostas presentadas o mércores 30 ao Consello Sectorial de Turismo. Entre estas subliñou a posta en valor do Camiño de Santiago, a creación dunha casa de baños para peregrinos, o remate da construción dun albergue cabalar, o apoio da Xunta de Galicia para asinar convenios con tour operadores internacionais, a concreción das infraestruturas viarias coa Cidade da Cultura e a construción dun espazo feiral. Neste último punto, aposta por un recinto en torno a 12.000 metros cadrados, a ser posible, no entorno do Palacio de Congresos.

Sobre a posibilidade de que INCOLSA se transforme nunha sociedade mixta, Iglesias indicou que se "están a estudar as posibilidades para facela máis eficaz". Un modelo mixto suporía que "entidades vinculadas ao turismo tivesen máis capacidade de decisión nas estratexias turísticas", engadiu.

Compartir: