ALCALDÍA

Compostela e Cacém estreitan os seus lazos a través do programa Santiago-Une

01/07/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou o programa Santiago-Une, incluído no Plan de Difusión Exterior de Compostela, na cidade lusa de Santiago do Cacém, e participou nunhas xornadas de encontro entre ambas urbes irmandadas.

Antes do inicio das xornadas, os alcaldes das cidades, Xosé A. Sánchez Bugallo, e Vítor Manuel Chaves Caro Proença, inauguraron unha praza na cidade portuguesa que levará o nome de "Santiago de Compostela". Neste acto, o rexedor compostelán destacou os elementos comúns que unen os dous Santiagos como o patrimonio histórico-artístico ou o Camiño. Sánchez Bugallo fixo fincapé na intensa relación que se mantén con Cacém desde que hai tres anos se asinara o irmandamento e agradeceu ao seu homólogo o traballo feito na recuperación do Camiño de Santiago nesta zona.

Pola súa banda, Vítor Proença mostrou a súa satisfacción ao alcalde pola cooperación prestada durante este tempo nestes traballos de recuperación e sinalou que isto foi posible porque o rexedor compostelán "creu neste proxecto, nesta cooperación, nesta relación" desde o principio.

A continuación, ambos mandatarios presidiron o acto de apertura da exposición Santiago une Europa, á que se accede por un arco que emula a Porta Santa, como sabemos soamente aberta cando é Ano Santo. Está conformada por 19 fotografías que fan un percorrido polos lugares e símbolos máis emblemáticos do Santiago Xacobeo, desde a chegada de dúas peregrinas a Lavacolla ata a entrada na Catedral, pasando polas rúas e prazas máis típicas da capital de Galicia. Amosa tamén o campus universitario, o esplendor dos fogos do Apóstolo, o Museo do Pobo Galego, a vida cultural da cidade. Esta exposición, que xa viaxou a outras cidades como Narni, Bruxelas, Ratisbona ou Córdoba quedou instalada no Auditorio Municipal Antonio Chainho.

Trala visita á exposición comezaron as xornadas de traballo e debate. A primeira delas, moderada polo profesor da Universidade Católica de Porto, Arlindo Magalhaes, xirou entorno aos Centros Históricos e Camiño de Santiago. Interviñeron na mesma o arquitecto do Concello de Santiago Javier Fernández, co relatorio O centro histórico de Santiago de Compostela; Rui Parreira, técnico da Dirección Rexional de Cultura do Algarve, que falou sobre a A importancia a autenticidade na imaxe dos centros históricos; e Adeline Rucquoi, directora de investigación de ENRS.

Xa pola tarde, o profesor José Antonio Falcao, director do departamento de Patrimonio Histórico e Artístico da Diócese de Beja, pronunciará a conferencia O Camiño e o culto de Santiago no Baixo Alentejo, que dará paso á sesión de traballo vespertina. Esta versará principalmente sobre as ruínas de Miróbriga, situadas en Santiago do Cacém, e a súa conservación.

Santiago-Une
O proxecto ten por obxectivo, partindo da base da xénese medieval do Camiño de Santiago e o seu papel como integrador e promotor da identidade europea e os seus valores, amosar a súa potencialidade para ofrecer unha rede que reflexione sobre o futuro de Europa. Trátase de fomentar entre a cidadanía, a través de accións conxuntas, especialmente entre a mocidade, o diálogo intercultural que permita impulsar o sentido de pertenza á Unión Europea.

O Ano Santo 2010, de grande importancia para a cidade de Santiago, coincide co primeiro semestre de 2010 de Presidencia da Unión Europea. Ademais, Europa celebra o 60 aniversario da Declaración Schumann, que supuxo o primeiro paso cara á unión das cidades en busca dunha Europa única.

Tras estar presente en Narni, Asís, Bruxelas, Córdoba, Rennes e Ratisbona, o Concello de Santiago seguirá tratando de maximizar a colaboración de todas as cidades socias e que ata os seus cidadáns chegue a idea de coñecemento do Camiño como promotor de valores europeos e de unidade de Europa; así como parte da historia e do acervo cultural europeo, sendo o Camiño un dos alicerces fundamentais nos que este se cimentou.

As cidades socias de Santiago une a Europa son en Italia, Asís e Narni; en Portugal, Santiago do Cacém; en Francia, Rennes; en España, Córdoba e en Alemaña, Ratisbona.

Compartir: