ALCALDÍA

O alcalde asiste en Madrid á sinatura de once convenios para a restauración e posta en valor do Camiño Francés

29/06/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu en Madrid á sinatura de once convenios de colaboración entre o Ministerio de Fomento e a Consellería de Cultura e Turismo para a restauración e posta en valor doutros tantos tramos en dez concellos do Camiño Francés.

O acordo de colaboración entre o Ministerio de Fomento e a Consellería de Cultura e Turismo, subscrito polos seus titulares, José Blanco e Roberto Varela, terá un orzamento de 2.117.987 euros, que se repartirá ao 50% entre a Xunta de Galicia e o Ministerio. A primeira fase inclúe actuacións nos municipios de Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Paradela, Monterroso e Palas de Rei, na provincia de Lugo; e Melide, Arzúa, O Pino e Santiago de Compostela, na provincia da Coruña.

Os once traballos proxectados en dez municipios de Galicia polos que discorre o Camiño Francés -xa que en Pedrafita do Cebreiro hai dous distintos- incidirán de xeito directo e inmediato sobre a configuración dos propios Camiños de peregrinación, dos lugares de reunión e de uso que se estruturan ao seu redor, e dos elementos esenciais que os bordean, limitan e danlles forma.

Unha vez autorizado o convenio polo Consello da Xunta, e formalizado o desenvolvemento destes once proxectos co Ministerio de Fomento e cos concellos implicados, comezaranse as obras nun prazo de tres meses, coa previsión de que estean rematadas entre finais do 2010 e comezos do 2011.

Compartir: