NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Aberto o prazo de inscrición para o campamento de verán "AnimaLingua"

28/06/2010 Abriuse o prazo de preinscrición para o campamento de verán AnimaLingua, organizado pola Concellería de Normalización Lingüística. Ata o 16 de xullo poderán anotarse os interesados nesta actividade, dirixida a nenos e nenas de 8 a 12 anos. Esta edición, o campamento desenvolverase do 16 ao 28 de agosto no Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso", en Sarreaus (Ourense).

Os interesados deberán presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello (Galeras) para optar a unha das 30 prazas dispoñibles. O prezo de AnimaLingua será de 60 euros, que se pagarán unha vez confirmada a dispoñibilidade da praza. Na asignación terán prioridade os empadroados no Concello de Santiago e, de haber máis solicitudes que prazas, realizarase un sorteo.

Durante os 13 días, os rapaces e rapazas poderán participar en diversas actividades, que teñen como obxectivo que os nenos e nenas se expresen en galego ao tempo que coñecen o medio rural. Este campamento está repleto de actividades de granxa, horta e invernadoiros, forno, talleres, excursións e moitos xogos.

Os participantes farán percorridos en bicicleta e de orientación; coñecerán as especies que cultivan, os apeiros de labranza necesarios e os coidados que precisa a horta. estes labores complementaranse con obradoiros de artesanía, creación artística e transformación de alimentos. Todas as actividades traballaranse cun contido lingüístico e con reflexión sociolingüística, coa finalidade de remover atrancos e de superar prexuízos.

Documentos relacionados



Compartir: